Cambio de réxime, grupo parlamentar e dura realidade

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Iñigo Errejón, que é un pouco o número dous podemita, o ideólogo da viraxe centrista

Iñigo Errejón, que é un pouco o número dous podemita, o ideólogo da viraxe centrista (desfíxose de Monedero), acaba de dicer que si, que Podemos vai pór todos os mecanismos para que sexa posíbel a formación de "grupos [parlamentares] especificamente nacionais" (sic), unha feliz circunstancia que, de vir a producirse, argumenta o dirixente do partido morado, "nos parece a forma máis responsábel de unir España", esta xente sempre preocupada por transmitir a mensaxe de que son eles quen realmente garanten a unidade (a española) e non o decrépito bipartidismo.

Analisemos a frase. Podemos vai pór todos os mecanismos. Ou sexa, o grupo parlamentar, de o haber, sería un pouco unha conquista deles. Ou unha concesión. Mais, non nos poñamos mexericas, e foquemos a cuestión de forma pragmática: é realmente posíbel que, postos todos os mecanismos, se concreticen os "grupos especificamente nacionais"? Ben, se nos atemos ao regulamento da Cámara, e tendo en conta que Podemos é un partido de ámbito estatal, a cousa é clara: deputados do mesmo partido non poden integrar grupos parlamentares separados. Isto é, os parlamentares galegos de Podemos eleitos nunha eventual coligazón -e coligazón é a fórmula na que apostan os partidos integrados na Marea Galega, desde Anova a Podemos- só poderían integrar o grupo de Pablo Iglesias. Ningún outro.

O discurso hai tempo que xa contorna os chamados ao cambio de réxime e ao proceso constituínte (xa non se invocan ceos que asaltar), a moderación centrista manda

Entón? Pois nada. Hai xa meses que dirixentes galegos de Podemos din abertamente que o asunto se acabará resolvendo pola vía política, que a Mesa fará unha leitura flexíbel do regulamento e que aceitará os "grupos especificamente nacionais". En todo caso, reparen no que acaba de dicer o secretario xeral de Podemos Valéncia: o que se pode constituír é un "subgrupo transitorio" (sic) mentres non se reformar o regulamento. Un subgrupo non é mal comezo, non?, logo xa iremos vendo.

En realidade, o apelo implícito de Errejón a unha sorte de enxeñería de técnica política para lograr os "grupos especificamente nacionais" non deixa de ser un amolecemento do perfil podemita. O discurso hai tempo que xa contorna os chamados ao cambio de réxime e ao proceso constituínte (xa non se invocan ceos que asaltar), a moderación centrista manda. Agora conformámonos con mudar o regulamento da Cámara. Aínda vimos con Évole de por meio que entre Iglesias e Rivera hai surprendentes zonas de acordo, entre elas a de pensar que as eleccións se gañan conquistando o voto centrista e morno (isto é, un voto basicamente conservador).

A retórica de Podemos, e a entelequia dos "grupos especificamente nacionais", baten cun pequeno problema: a dura realidade. Após a catástrofe eleitoral de Catalunya -a marca de Podemos obtivo apenas o 8,9% dos votos, un ponto menos que ICV en 2012!!- e da fatigada performance do politólogo da Complutense face o máis oxixenado Rivera no debate da Sexta, as enquisas trombetean unánimes que, no conxunto do Estado, a forza ascendente é Ciudadanos, que a loita eleitoral se dará nos caladoiros do voto equidistante entre a esquerda e a dereita (xa saben, nen esquerda nen dereita, frase podemita por excelencia) e que Podemos declina, o chefe está canso, non me estraña, ou entrevista el ou el é entrevistado.

As enquisas trombetean unánimes que, no conxunto do Estado, a forza ascendente é Ciudadanos e que a loita eleitoral se dará nos caladoiros do voto equidistante entre a esquerda e a dereita

A dura realidade é que todo indica que a próxima Mesa do Congreso terá unha folgada maioria absoluta de PP, Ciudadanos e PSOE, así que os mecanismos de Errejón non pasan de ser unha frase pre-eleitoral e se callar unha boa mao de póker, mais non parece que Rivera, Sánchez e Rajoy vaian autorizar ningún artefacto xurídico "especificamente nacional".

O dedo é o grupo parlamentar e o que agacha é a lúa dun mapa eleitoral español que non é pre-constituínte de nada: a forza emerxente hexemónica -Ciudadanos- é basicamente reaccionaria e a forza emerxente declinante -Podemos-, só ten un proxecto estratéxico, desprazar o PSOE como forza española socialdemócrata, e unha obsesión, expresa na intervención de Errejón: unir España.