A pergunta, xornalisticamente moi pertinente, fíxolla Pepa Bueno a Pablo Iglesias esta cuarta feira

A pergunta, xornalisticamente moi pertinente, fíxolla Pepa Bueno a Pablo Iglesias esta cuarta feira, antes de se constituír o Congreso. Iglesias dixo que 42, os obtidos baixo a marca Podemos, e aqueloutros que, sendo do partido morado, ían nas chamadas candidaturas de confluencia. Traducido: Iglesias veu dicer que dous dos deputados de En Marea son de Podemos.

Aquí está a nai do año en relación ao asunto do grupo parlamentar. Se o número 1 por A Coruña e a a 2 por Pontevedra -Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez, respectivamente- son de Podemos é evidente que, de acordo cunha leitura literal do regulamento da Cámara, non poderían facer parte dun grupo parlamentar diferente ao que lidera Pablo Iglesias, porque deputados dun mesmo partido non poden formar grupos distintos. Ítem máis: a declaración de Pablo Iglesias a Pepa Bueno é contraditoria coa tese oficial manexada por En Marea -e sustentada mesmo por un informe xurídico que leva a asinatura de Carlos Aymerich- segundo a cal esta candidatura era un ente con personalidade xurídica propia. En realidade, Iglesias, talvez nun desliz dialéctico froito da insistencia e do bon oficio xornalístico de Bueno, confirmou coas súas palabras o que é unha evidencia: En Marea é unha coligazón de tres partidos, un dos cais é Podemos, así foi rexistado perante o Ministerio do Interior. E sendo así, Gómez Reino e Ángela Rodríguez son parlamentares de Podemos eleitos na lista de En Marea, como o seu propio chefe de filas político reivindica.

O grupo de En Marea non é posíbel porque dependía dun pacto imposíbel co PSOE e porque está participado por partidos que teñen o seu centro de decisión en Madrid

A hipocresía non lle acae ben á retórica da nova política. Agora sobreactúan indignados, mais dirixentes de Podemos admitían en privado, durante a longa negociación que daría lugar á constitución de En Marea, que a formación do grupo apresentaba dificuldades xurídicas. Alegaban que eran solventábeis politicamente, isto é, apelaban a unha ulterior negociación parlamentar. Ergo, o grupo non dependía de forzas propias (o PNV non ten que negociar o seu grupo con ninguén, cumpre todos os requisitos e ponto), senón da capacidade de presión de Podemos sobre os demais, en concreto sobre o PSOE. Por que o PSOE non é sensíbel á demanda de Iglesias? Basicamente porque abriría unha fenda irreparábel co PSC. Con que cara defende o PSC en Catalunya que eles non teñen grupo e En Comú Podem si? Este aspecto da cuestión é incontornábel, mais non é un dado novo, xa se coñecía antes das eleccións e non podía non estar nos cálculos políticos dos promotores de En Marea.

Podemos ten os deputados que ten, entre eles dous parlamentares na Galiza. IU tamén ten unha deputada galega, Yolanda Díaz. O grupo de En Marea non é posíbel porque a súa materialización dependía dun pacto imposíbel co PSOE e porque está participado por partidos que teñen o seu centro de decisión en Madrid. E se cabe algunha dúbida a este respeito acabamos de ver como a política de alianzas de Podemos Galiza con vistas ás galegas non a marca nen o seu secretario xeral, Breogán Riobóo, nen a súa militancia, senón Pablo Iglesias e o aparato da Complutense.