Vou arriscar un prognóstico: gaña Casado. É arriscar, porque hai moita brétema a pairar sobre o congreso do PP. Mesta néboa e pouco treinamento niso da elección non dixital do líder. Mais hai razóns de peso para pensar nunha vitoria de Casado:

 

1.-É a terceira vía. O candidato que pode unir o partido. Soraya e Cospedal son os extremos. A cultura do PP é a orde (ben, o ordeno e mando).

 

2.-Casado é o mellor segundo posíbel. Supoñamos que este 5X Soraya fica en primeiro lugar, Casado en segundo e Cospedal, en terceiro. Ben, pois o verosímil é que as compromisarias da corrente de Cospedal voten Casado no macht final do 21X. Non porque o adoren, senón porque ante todo detestan Soraya. A mesma lóxica daríase se este 5X quen fica en primeiro lugar é Cospedal e Soraya é terceira.

 

3.-Se gaña hoxe, Casado gaña seguro o 21X. Non habería ningunha coalición hipotética na súa contra no congreso (Soraya e Cospedal nunca se unirían).

 

4.-O capital político de Raxoi —que o ten— non sinala ninguén, nen sequer se molesta en ir votar. Iso favorece Casado, en teoría o máis distante de Raxoi.

 

5.-O asunto do seu máster apenas tivo incidencia na campaña. É unha corrupción menor a ollos da afiliación do partido.

 

6.-Soraya e Cospedal equivocáronse, aliás, ao dedicarlle a Casado máis tempo do que a elas propias.

 

7.-É o único candidato que asume a totalidade do legado do PP, desde Aznar até Raxoi e defínese máis en positivo que en negativo (Cospedal e Margallo defínense polo antisorayismo/Soraya polo anticospedalismo e todo por aí fóra).

 

En resumo, Casado é claro favorito se é quen de pasar á segunda volta. Se non, pois non gaña, mais os seus votos (as súas compromisarias) determinarían a vencedora. Sería, portanto, o xuíz da batalla. Até certo ponto el gaña sempre.

 

Consultei algunhas fontes. Quen vai gañar? Mmmmm é a resposta máis común. Certo é que é difícil facer proxeccións nun proceso que non ten precedentes nun partido de tradición basicamente caudillista. Ben, non suframos, en poucas horas sairemos de dúbidas.

 

 



x