A crise Quinteiro estóuralle a Villares

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


O desenlace da maratoniana reunión do grupo parlamentar de En Marea pon ao nu dúas conclusións evidentes: primeira, a esmagadora maioría das deputadas e deputados da confluencia non recoñecen o liderado de Luís Villares, quen nas reunións internas -e co apoio inopinado de Beiras- se pronunciou a prol da demisión de Paula Quinteiro desde o minuto 1; segunda, a esmagadora maioría das deputadas e deputados da confluencia non recoñecen a autoridade do Consello das Mareas, o máximo órgao do partido instrumental entre plenarios.

En termos políticos non é moi sustentábel unha situación que a efeitos prácticos deixa Luís Villares sen voz -non se pronunciou sobre este asunto desde que estourou a pasada cuarta feira- e que, a pouco que rabuñemos, revela o océano que separa os distintos segmentos da confluencia sobre a propia identidade desta.

As partes -Podemos, EU, Anova- son as que se insubordinan fronte ao todo -o conglomerado de En Marea no seu conxunto. Villares fica só con Cerna e un fragmento ourensán do partido agora liderado por Antón Sánchez. A súa alianza con Carmen Santos, puramente táctica, non superou esta crise. Santos antepón sempre Podemos a En Marea e acaba de o demostrar, ao acudir ao auxilio dunha das súas correlixionarias (embora nas interioridades do partido morado estean en distintas trincheiras).

Villares traba a lingua estes días porque ten un obxectivo básico: evitar que En Marea salte polos aires. Está en minoría no seu propio grupo parlamentar, mais non pode explicitalo, porque non hai líder que dure un minuto no cargo se admite a súa soidade no Parlamento (ben, Jeremy Corbyn estivo nesa situación, mais esa é outra historia). Tampouco ten forza suficiente para que o Consello das Mareas impoña nada no Pazo do Hórreo. Hai moitas contas pendentes por se saldar na confluencia, desde que no plenario de marzo de 2017 Villares mudou de compañeiros de viaxe -a rachar coa Marea Atlántica, a direccion de Anova e Unidos Podemos- para se postular como líder da organización.

Isto non rematou.