O Deportivo, sen Fernando e sen proxecto

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Estaba sentenciado desde o minuto 1 da aterraxe de Tino Fernández na presidencia do Deportivo. Non é que non houbese feeling entre eles: é que Tino Fernández é deses presidentes que entenden a presidencia como un cargo que dá dereito a colocar os teus e non vía en Fernando un dos seus.

Estaba sentenciado desde o minuto 1 da aterraxe de Tino Fernández na presidencia do Deportivo. Non é que non houbese feeling entre eles: é que Tino Fernández é deses presidentes que entenden a presidencia como un cargo que dá dereito a colocar os teus e non vía en Fernando un dos seus. Víao como un residuo do lendoirismo. Aí tamén se equivocaba. Fernando explícase por si proprio, non en función de outros.

Por unha decisión caprichosa e caudillista do seu presidente, cesa o Deportivo o principal responsábel de que a equipa, sen xogadores de calidade e sen gol, ascendese de Segunda á Primeira División, requisito imprescindíbel para sobrevivir.

"Tino vía a Fernando como un residuo do lendoirismo. Aí tamén se equivocaba: Fernando explícase por si proprio, non en función de outros".

Fernando tiña un proxecto, un proxecto con horizonte, longo, galego. Non para o curtropracismo, senón para darlle estabilidade ao clube, e para enraizalo na Galiza. Se poden os vascos, tamén podemos os galegos, argumentaba Fernando. Fernando é dos treinadores que teñen discurso, non se limita a largar frases baleiras nas conferencias de imprensa. Sempre foi por iso un treinador incómodo para as directivas, porque ten pensamento proprio.

Juande Ramos

Dous meses antes de concluír o pasado campionato, chegoume o rumor de que o Deportivo xa tiña apalabrado a Juande Ramos para esta campaña. Non puiden contrastar a información, mais tampouco me surprendeu muito a aquela altura. Sabía que Tino, en canto se pousar na cadeira, faría o que fan praticamente todos: colocar seus pións. Quen tiver alguha dúbida sobre isto, que repare na razzia que acaba de perpetrar nas categorías inferiores.

A polémica sobre as fichaxes da equipa -as declaracións de Fernando en Arzúa, sen dúbida excesivas- non é a explicación de nada. É só un macguffin, o pretexto, para o cesamento. Esta é a crónica dunha destitución anunciada. Tino aproveita a coartada para non lle dar a Fernando a opción de xogar nen un só partido en Primeira División: non fose ser que se consolidase.

Agora virá Juande Ramos ou alguén de ese teor, tanto ten, Tino xa ten o que quería e teño a sensación de que quen sae perdendo é o Deportivo, que fica de vez sen treinador e sen proxecto.