Desaparecida ETA, agora o pobo vasco poderá decidir libremente o seu futuro. Así sería de acreditarmos na mensaxe de fondo que o Estado español e as súas terminais propagandísticas machucaron durante décadas. Lembraredes aquela música: "En democracia pódese defender calquera proxecto político, sempre que se faga por vías pacíficas e non violentas". Mais agora sabemos, visto o visto en Catalunya, que esa mensaxe é falsa e que o Estado español non está disposto a procesar unha saída democrática para un conflito político, o colocado desde as forzas soberanistas catalás, que se ten expresado en todo momento dunha forma admirabelmente cívica, con extraordinaria pulcritude e unha absoluta ausencia de violencia.

Desaparecida ETA, o conflito político continúa aí. O Estado intolerante e autoritario que criminaliza toda disidencia continúa aí. Un Estado que chega a imputar violencia ao procés, a adoptar unha posición tan irracional que até ten sido desautorizado pola xustiza alemá.

Desaparecida ETA, o pobo vasco (e o catalán e o galego) continúa a ser un ente politicamente dependente, ao que desde Madrid non se lle recoñece un dereito democrático tan elemental como o de convocar un referendo para decidir se constituír ou non un Estado independente.

A disolución de ETA é unha boa noticia. Concordo coa esquerda abertzale: a violencia con fins políticos non ten sentido, todos os dereitos humanos deben ser respeitados. Todos. Agora que xa non existe terrorismo, non é nen xusto nen racional que determinados aspectos da política anti-terrorista (a dispersión das presas) continúen en pé. Aí son máis ben pesimista: Mariano Raxoi só pensa nos inquéritos e, co alento de Cs na caluga, non fará agora nengún movimento.

ETA xa non está. Quen fica é o réxime de 1978 (en crise, mais sustentado nos seus aspectos medulares por PP, Cs e PSOE). E fica con todo o seu enorme déficit democrático ás costas e cun serio conflito político -a cuestión nacional- por resolver.