Dietario de campaña: un paso adiante e o simeonismo

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


17 de Maio. 12 h. O galego é un dos grandes motores de mobilización neste país.

Dietario de campaña

Décimo día. 17 de Maio. 12 h.

O galego é un dos grandes motores de mobilización neste país. Polo seu valor simbólico e a súa capacidade de penetrar en distintos ámbitos. Gostei imenso da palabra de orde de Queremos Galego: pór sobre a mesa un convite para o avanzo -Un Paso Adiante e Outro Adiante, Galiza- é conditio sine qua non para rachar o statu quo de postración e dependencia. Non se trata de conservar o que hai, trátase de pelexar por novos espazos, trátase de conquistar a normalidade. E si, trátase de que a lingua que ocupa espazos indebidos -e que o fai por colonialismo, non porque sexa máis guai ou moderna- os vaia desocupando.

O nacionalismo social e político envorcouse nun 17-M masivo, mentres o españolismo finxía que vive noutro país, no país de Millán Mon falando en español nun debate na TVG, no país de Feijóo lendo Poemas Gallegos...

17 de Maio. 12 h.

Futebol na península. Párase a campaña, non sexamos cínicos. Twitter muda #diazcastro por #BarçaAtlético. Mal curso para o FCB. Até se teñen feito leituras políticas. Xusto no momento en que o pobo catalán sprinta cara á independencia, o seu símbolo nacional máis característico engruña...Os voluntaristas (Yes We Can/Podemos) abónanse ao culto ao simeonismo. Podemos Gañar. No futebol pode valer. Na política, non. Na política gañar leva inescusabelmente á pergunta "gañar para que?". Gañar por gañar é conservador. Hai que gañar para cambiar as cousas, ou, talvez mellor, hai que cambiar as cousas para gañar (doutro xeito, sen mudar as cousas, teno ben crú Luis Enrique en Can Barça).

17 de Maio. 20 h

Mítin de EH Bildu en Iruñea. Carme Adán (BNG) participa nel. Esta dimensión é vital para a política galega moderna. A do internacionalismo entre iguais. A da non dependencia. A da non subordinación. Só así, con internacionalismo entre iguais, as nacións sen Estado poderán desafiar democraticamente o Estado que as oprime, o EE. Só así conquistarán o direito a decidir.