Dous meses de teatro por diante

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Consumada a previsíbel derrota de Schez no primeiro trámite parlamentar, a axenda resérvanos dous insufríbeis meses por diante. Pois si, as posibilidades de que sexan menos son cero. Non está escrito en ningures, mais todos os actores teñen interiorizado que a obra sería un fracaso se se acortase a tortura. Os protagonistas do filme xogan un pouco a estratexia da mítica serie Colombo: a ideia é que o público vai manter a atención até o final aínda que saibas desde o principio quen é o asasino e como perpetrou o crime.

Acho que están equivocados. Non sei vós, mais eu estou xa sobre-saturado. Pido a berros unha xiradela no guión. Que apareza algo imprevisto. E non, non me refiro a que se abra paso un Romano Prodi á española, un suposto tecnócrata independente para revestir unha grande coligazón na sombra. Esa opción xa hai semanas que se baralla nos cenáculos matritenses. Refírome a algo verdadeiramente surprendente, orixinal. Por exemplo, que Iglesias abandone a política chamado por Almodóvar para protagonizar a súa próxima fita, evento que aproveitaría Errejón para dar un golpe de man e centrar o partido, que é o que quer facer desde o principio, tenvos esa peregrina idea de que desde o extremo non se pode gobernar España. Criatura.

Non está escrito en ningures, mais todos os actores teñen interiorizado que a obra sería un fracaso se se acortase a tortura

Non sei. O que me apetece é que pase algo. Calquer cousa. Por exemplo, que Patxi López memorice o regulamento da cámara para non ser desairado por Rafael Hernando, o desabrido portavoz do PP, e saiba realmente cando ten que dar a palabra por alusións (non necesariamente a ten que dar sempre, contra o vicio de pedir, a virtude de non dar).

E porén, o máis previsíbel é que non aconteza nada con substancia até o final. Un dos meus directores, que a terra lle fose leve, sempre dicía que aquí nunca pasa nada e que cando pasa tampouco pasa nada. Nada: dous meses de teatro e todo se resolverá in extremis. Este filme xa o vin. E sei quen é o asasino.