Escaramuza ou eleccións anticipadas

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Esas son as dúas opcións sobre a mesa á hora de analisarmos as razóns que levaron os aliados de Sánchez na moción de censura a non lle emprestar apoio na votación do teito de gasto. Na hipótese A, Unidos Podemos —tren no que viaxa En Marea—, ERC e o PDeCAT aproveitan a ocasión para iso que se chama marcar perfil e elevar a aposta (a levaren a tensión até o límite, mais sen vontade de rachar). Na hipótese B, os apoios parlamentares de Pedro Sánchez parten do cálculo político de que non lles interesa prolongar esta mini-lexislatura e que o mellor que lles pode vir a acontecer é o escenario dunhas eleccións anticipadas.

Hai algo evidente: nos cuarteis xenerais de Podemos (a forza decisoria do tren no que viaxan Esquerda Unida e En Marea) preocupan, e moito, as enquisas, o incremento acelerado das perspectivas de Sánchez, o repuntamento do turnismo bipartidista. As forzas soberanistas móvense noutra lóxica, a de manter certa tensión co estado, non vaia acreditar Madrid que aquí non pasou nada e que voltou sen máis o pactismo pujolista.

O veto aos obxectivos de déficit é un duro golpe para Sánchez, mais non tanto como para que non se poda levantar da lona (desculpen a incursión boxística). Dubido que a cousa pase dun amago, dun toque de atención. Que teñen que gañar co avanzo electoral Unidos Podemos e os soberanistas cataláns? Se se visualizar que Sánchez corta a lexislatura pola falta de apoio de Pablo Iglesias, pode reeditarse o efeito que levou a formación morada a perder un millón de votos por non ter apoiado no seu día a investidura do candidato do PSOE após este pactar un programa de goberno con Cs. E canto ás forzas independentistas, a súa complexa situación interna —co PDeCAT no mínimo tan dividido como o PP e unha ERC moi distante de Puigdemont— tampouco parece o mellor teatro de operacións para enfrontar as que sempre son as piores eleccións, as xerais, para elas.

O veto aos obxectivos de déficit é un duro golpe para Sánchez, mais non tanto como para que non se poda levantar da lona (desculpen a incursión boxística)

 

Ben, todo indica que estamos perante unha escaramuza, unha xogada calculada de quen ten certa necesidade política (obxectiva) de transmitir a idea de que o PSOE só ten 84 votos seguros nunha cámara de 350. A ruptura non a vexo. Tampouco que Sánchez, por despeito, por ter ficado mal ante Bruxelas, vaia disolver o Congreso. Si, pode ter a tentación de ir a eleccións —vexamos: Casado xira á dereita e desprotexe o centro, Rivera está desaparecido—, mais un goberno efémero apenas deixa pegada e Sánchez gañaría moito máis se é capaz de demostrar que o que é posíbel en Lisboa —o governo da gerigonça— tamén o é en Madrid.