Este primeiro cartafol vai de estreas: de estrea do novo deseño de SermosGaliza.Gal e de estrea tambén da nova fasquía do semanario en papel, que tiraremos do prelo esta mesma noite. Fun educado na escola do vello xornalismo, aquela para a cal o xornalista nunca debía pasar de ser unha voz en off, sempre debía estar nun segundo plano e o recurso á auto-referencialidade estaba mal visto. Mais ídesme permitir que faga aquí unha pequena excepción: este é un día importante para Sermos Galiza e modestamente a equipa humana que o realizamos aspiramos a que o sexa tamén para o espazo de comunicación galego e en galego (galego e en galego é pleonasmo, I think). Un día para remozarmos imaxe e símbolos, o cal non está nada mal, porque as formas sempre comunican fondo, e o noso fondo é, continúa a ser, o mesmo: unha aposta radical a prol do único xornalismo que é digno de tal nome na nosa nación, un xornalismo alternativo, galego e social.

Este cartafol reunirá perplexidades, análises e tamén algunhas certezas. Pasará revista ao que pasa neste país e, desde este país, ao que pasa no mundo. O cartafol rexistará os sismos e as mudanzas, tamén algunhas quietudes e ondas que non se saben se progresan cara ao futuro ou involúen cara ao pasado. Sabemos desde Heinsenberg que cuando ollamos unha cousa, os nosos óculos modifícana, o observador altera o obxecto observado, así que non hai maneira de saber como é exactamente. Moito mellor: iso hanos de ensinar a ser menos dogmáticos, hanos obrigar a ser máis dialécticos. Moito máis divertido. Comecemos.