Ningún dirixente político vai a Salvados sen un cálculo previo de custos e beneficios. Ningún dirixente do PP se coloca baixo os focos de Jordi Évole se non pensa que ten máis a gañar do que a perder. Feijóo sabía a que ía e a que se expuña. Sabía perfeitamente cara onde iría disparar Évole os seus proxectís. Era un match cun roteiro predefinido, con nula marxe para a surpresa.

Feijóo interpretou eficazmente o papel de Alberto nos compases iniciais do programa, as escenas do bar e da estación. O PPdeG (moito máis que o PPdeE) móvese con soltura nos ambientes populares e Feijóo mesturou ben coa freguesía. Ningún partido alcanza 47 por cento do voto (eleccións galegas de setembro de 2016) se non se desenvolve con certa axilidade no meio do pobo. Sen ter o rexisto populista dun Fraga e lastrado por un certo envaramento, Feijóo, porén, conseguiu transmitir un leve ar de cercanía nun atrezzo perfeito para el se apresentar como un home humilde, un galego coma ti.

No segundo acto do programa -unha entrevista xa pura e dura-, Feijóo negociou as curvas máis perigosas da súa carreira, nomedamente aqueles episodios de navegación con Marcial Dorado. Para a audiencia galega, non houbo moita novidade no argumentario. Mais a española -a destinataria real da mensaxe- coñecía en boa parte por vez primeira a conexión de Feijóo cunha figura do narcotráfico galego. O inquilino de Monte Pío fixo un flashback, viaxou a mediados dos anos 90 -a época en que se relacionou con Dorado- para debuxar un retrato de si propio como un tipo inxenuo e máis ben indocumentado, un deses raros altos funcionarios galegos -era secretario xeral da Consellaría de Sanidade- que ignoraba a que actividades se dedicaba MD. A versión de Feijóo é totalmente inverosímil, mais -pensan os estrategas do PPdeG, que naturalmente prepararon a conciencia a entrevista- hai sapos que é mellor tragalos canto antes, un pouco para vacinarse para futuros puxilatos xornalísticos.

Ecos de "Fariña" á marxe, Feijóo deixou entrever a súa ambición sucesoria e largou un evidente recado a Soraya Sáenz de Santamaría, a quen ve cualificada para relevar Rajoy, mais a quen puxo un chanzo por debaixo de Cospedal -a eterna rival da vicepresidenta- por esta ter sido presidenta de comunidade autónoma, condición que -non se recatou en o enfatizar- el propio tamén reúne.

Nos planos á beira do tren, Feijóo -naquel momento do programa aínda Alberto- deslizou que non só votara Felipe González en 1982 -cousa coñecida-, senón que probabelmente, embora non estaba seguro, tamén o fixera en 1986 (a lendaria má memoria do presidente!). Discurseou entón coa leria de que xa non hai direitas e esquerdas. Aí estivo un pouco clon de Albert Rivera (en fin, o de que non hai esquerdas e direitas non é nada moderno, sobre iso teorizara nos anos 30 do século XX o outro Rivera, José Antonio). Si, o candidato Feijóo en realidade está a se oferecer ao sector do PP que o considera a mellor opción do combo conservador para, nunha eventual retirada de Rajoy do escenario, frear a onda expansiva do partido laranxa.

Agora os arúspices demoscópicos comprobarán se Feijóo sae ou non indemne da visita a Évole. A miña impresión é que Feijóo -con algún rabuñazo, claro- non perdeu por KO, o que en termos políticos significa que saíu vivo. En todo caso, cumpriu o seu obxectivo, o de comezar a súa campaña de candidatación á Moncloa co compromiso mediático en teoría máis complicado.