Feixóo fica porque temía perder, temía o fogo amigo

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Cando nos anos 90 do pasado século apareceu no cenario da man de Romay Beccaría, Feixóo foi apresentado á opinión pública como un tecnócrata eficaz. Non o é. É un político puro. E todo político puro ten unha paixón por cima de calquera outra: o poder.

Se vemos Feixóo desde o prisma da paixón polo poder, podemos entender perfeitamente por que adoptou a decisión (sen dúbida dolorosa para el) de non optar á sucesión de Raxoi.

Vexamos. Feixóo aspiraba razoabelmente a suceder Raxoi ao fronte do goberno do estado. Iso era no mundo anterior á moción de censura e á sentenza sobre a Gürtel. Mais ese mundo xa non existe e agora o PP está na oposición. E non na mesma oposición en que viviron Aznar e Raxoi. Non, nunha oposición coa dereita fraccionada. E fraccionada non só no Parlamento, senón no seo das mesmas elites económicas, con faccións do capital a sponsorizar a marca Ciudadanos. O congreso extraordinario do PP, portanto, non vai nomear un delfín para a Moncloa, senón que vai encarregar a alguén a dificilísima tarefa de competir con Cs para ver quen lidera a oposición dereitista ao goberno de centro-esquerda dun Pedro Sánchez que, co vento nas velas do cambio de ciclo económico, domina os mesmos códigos da política simbólica que no seu dia empoleiraran Zapatero. Cámbiache ben o conto.

E visto así o combate, Feixóo non tiña ningunha garantía de vitoria. A súa chamada subliminal ao acordo cupular -á candidatura de consenso que tería cristalizado no seu nomeamento como líder por aclamación- non achou acompañamento. Non reuniu suficientes apoios. Xa non era só Soraya, os cadros máis mozos do partido até vían máis atractiva a opción de Pablo Casado, embora o sarillo do seu máster, do que a súa propia. Cospedal tampouco se fiaba de que Feixóo fose dar o paso, así que filtrou á imprensa que apresentaría a súa candidatura perante a eventualidade de que o político de Os Peares decidise finalmente non alistarse.

Feixóo non tiña ningunha garantía de vitoria. A súa chamada subliminal ao acordo cupular non achou acompañamento

 

Un político con paixón polo poder -e que xa o ten, que o ten agora, e non hipoteticamente non se sabe moi ben cando- é raro que se expoña a perdelo se non ten mínimas garantías de suceso. Feixóo non as tiña. Tiña, en troca, a absoluta seguranza de que na batalla o fogo amigo podería voltar a atinxilo. Amigas e amigos, isto é así. Casado anuncia a súa candidatura e o mesmo día trascende que a xuíza que instrúe a súa casa ve nel indicios de delito. "Vaia casualidade", ironizou o propio precandidato. Feixóo ten unha mochila e todas e todos sabemos que clase de fotos garda nela. E todas e todos podemos imaxinar quen ten os negativos e que faría con eles se o precisase.

Feixóo ten unha mochila e todas e todos sabemos que clase de fotos garda nela. E todas e todos podemos imaxinar quen ten os negativos e que faría con eles se o precisase.

 

Agora Feixóo fai o normal, vender o relato do militante de Galiza, disposto a sacrificar as súas ambicións biográficas no altar dos intereres galegos. Pura retórica. A realidade é que non vai liderar o partido porque non dispón de suficientes apoios: nen Raxoi -coa súa aparente neutralidade- nen por suposto Soraya nen Casado nen Margallo -nen sequera a propia Cospedal- levantaron a voz para lle pedir que mudase Monte Pío polo despacho da Rúa Génova. 

A realidade é que non vai a Madrid porque as espadas están ben afiadas e el é neste momento un albo relativamente fácil.