"Ganamos, pero aún no sabemos quiénes". A frase é de Pío Cabanillas, un dos nomes básicos da constelación dereitista galega xa durante a ditadura, vagamente defensor do liberalismo (subiu relativamente tarde ao tren do PP), estreito colaborador de Manuel Fraga, e resume toda unha concepción da política como un exercicio de oportunismo dirixido unica e exclusivamente a ocupar o poder (non a conquistalo, porque o poder foi desta xente toda a vida, perténcelles, fai parte da súa natureza). A chave en política é, pois, ter o instinto para estar no lugar exacto e no momento xusto. Nen antes nen despois. O instinto de pertencer ao bando gañador, aínda que sexa traizoando a quen faga falta no último minuto do xogo, a ver, a equipa de guionistas de House of Cards tampouco inventou nada.

Conforme foi transcorrindo o partido, a Alberto Núñez Feixóo foíselle pondo cara de Pío Cabanillas. Mais só un matiz: el xa perdeu. El non está na final, nen sequer participou na primeira rolda, naquel barullo inicial de 7 candidatas e candidatos. E perdeu non porque, coitadiño, se sacrificase por todas e todos nós, o seu mítico compromiso co pobo galego, bla, bla, bla, senón porque viu claro que non tiña apoios suficientes para ir a Madrid en condicións, e con todo o partido detrás del (ou sexa, sen ninguén disposto a filtrar máis fotos). Feixóo sabía que nunca ía ter o apoio do sorayismo. Sabía que o sorayismo non era só un grupo de notábeis monclovitas. Que era unha corrente —menos ideoloxizada do que o revival aznariano de Casado, máis pragmática— moi estendida nas bases. E sabía que non era só Soraya, sabía que tampouco Mariano ía mover un dedo para facilitarlle a aterraxe na Rúa Génova. Sabía que en todo caso o movería para cortarlle as ás.

A chave en política é, pois, ter o instinto para estar no lugar exacto e no momento xusto. Nen antes nen despois

 

Esa derrota xa a interiorizou Feixóo, que é un político eminentemente práctico e que tampouco vai estar relambéndose as feridas máis da conta. A vida segue. El (desganado) xoga a baza de Cospedal o 5X. A súa patrocinada gaña na Galiza, menos na república libre de Ourense, sorayista, mais perde en España. Descarrila. Fican vivos Casado e Santamaría. Feixóo ao principio veo claro e anuncia que o PPdeG tomará partido. Ou sexa, partido contra Soraya, a grande rival interna. Aquí o líder galego defínese máis pola negación que pola afirmación. Está máis en contra de Santamaría do que a favor de Casado. O vicesecretario de Comunicación até foi un estorbo, ao ser o primeiro en se lanzar á piscina co anuncio da súa candidatura. O Casado que agora suspira por ter Feixóo na súa equipa no seu momento non alzou a voz para lle pedir que asumise o liderado do PP no estado.

Feixóo está máis en contra de Santamaría do que a favor de Casado

 

A trama avanza e vaise enleando. Feixóo bota contas e descóbrese a si mesmo pensando que xa non o ten claro. Na Galiza o patio anda bastante revolto, xa non é só o levantisco baltarismo, é Barreiro en Lugo, é o marianismo en Pontevedra. Monte Pío comeza a pensar en se pór de perfil, en deixar que a bola circule sobre a herba sen saír ao campo de xogo a pateala. Agora a elección é binaria, ou un ou outra, e o duelo está moi rifado, abocado á photo finish. E desta volta non cabe marxe de erro, unha nova derrota deixaría Feixóo algo (bastante) tocado e daría munición aos seus críticos na Galiza (si, non lle fagan caso á imprensa do réxime, tenos e numerosos).

Ergo, lembremos a frase de Pío Cabanillas. Unha idea forza percorre o núcleo de dirección feixoniano: sexamos oportunistas e apostemos na aparente equidistancia (si, preferimos a Casado, mais que tampouco se note de máis). Destarte, se gaña Soraya gañamos nós e se gaña Pablo, gañamos nós. Gañemos de vez. Prohibido perder. "Ganamos, pero aún no sabemos quienes".

Alberto xa perdeu (o tren de Madrid, quizá para sempre) e non quere voltar a perder. Non lles resulta conmovedor?