Por que a felicidade de Feixóo non é completa?

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Por varias razóns, algunha, I'm so sorry, moi obvias:

1.-Porque a felicidade completa é unha condición inasequíbel para os homo sapiens sapiens.

2.-Porque el continúa en Monte Pío e non na Rúa Génova.

3.-Porque, contra o dito por Miguel Tellado, o PP si xira á dereita e iso pode ter certa lóxica do ponto de vista do PP, mais ningunha do ponto de vista do PPdeG. Si, amigas e amigos, a política galega existe como tal e é distinta da española (aínda que aquela estea tan permeada por esta). En España o alto mando do PP ten un problema: está en discusión a súa condición de forza hexemónica no espazo da dereita. Iso pode explicar que agora viren a nao cara estribor (xa viaxaremos ao centro cando nos desfagamos dos turras de Cs, dinme xentes próximas ao casadismo). Vale, compro esa lóxica. Mais Galiza é outra cousa. Aquí non hai tal dúbida: a dereita é o PPdeG. Até se me apurades o centro (se tal cousa existe) é o PPdeG. Aquí, portanto, esa sobreactuación conservadora non ten moito sentido e pode escorrentar perfectamente os sectores máis tépedos do teu electorado (os que poderían ser seducidos por unha oferta progresista e/ou galeguista-nacionalista moderada). Ou sexa, pode ser contraproducente: en política o espazo que ti abandonas pode ser ocupado por outras. Diredesme: sendo que a oposición está dispersa e atomizada (véxase a lea interminábel na Marea), o PP pódese permitir ese luxo. Umm, non estou tan certo diso (o PP sempre traballou coa división do contrario, ese non é un dato novo) e en todo caso habémolo ver nas municipais, un torneo electoral que nos últimos anos lle foi esquivo ao combo conservador, nomeadamente nas cidades.

4.-Porque o congreso puxo ao nú as profundas divisións que atravesan o PPdeG, un partido-movimento que dista moito de ser un monolito homoxéneo. Non o pode ser unha forza política que nas últimas eleccións galegas superou largamente o 45 por cento do voto. De acordo, mais segundo a concepción feixoniana unha cousa é que o partido estea dividido e outra distinta é que iso trascenda socialmente. O mao para Feixóo é que desta volta nen sequer a brigada mediática afecta a Monte Pío puido agachar a evidencia.

Consciente de todo isto, Feixóo puxo algo de terra de por medio a respecto de Casado e tentou preservar un certo discurso autónomo. O problema para Feixóo vai vir agora, con cada unha das decisións que a nova equipa de Génova tome. Canto máis á dereita vaia o PP, mais dificuldades vai ter Tellado para convencernos de que a nave continúa ancorada no centro-dereita do taboleiro.

En fin, non nos poñamos tráxicos: Feixóo sabe, como nós desde Tom Jobim, que a tristeza não tem fim, a felicidade sim.