Desde Suresnes FG é o heraldo dos intereses alemáns. Sen o SPD o PSOE non tería engolido o PCE tan axiña. FG é un político super-dotado, as cousas como son, e está varios corpos por cima dos que hogano compoñen o dramatis personae da política no estado. A súa reentrada no palco precisamente agora -no púlpito de Évole- é de todo menos casual. O recado que envía, milimetrado, tampouco é inocente, nen obedece a unha reflexión persoal. En asuntos de estado -terminoloxía esta moi cara a el-, a voz de FG é a voz de Berlín. E Alemaña xa falou claro: en Catalunya non houbo rebelión e arránxense vostedes, por favor, a instabilidade non é boa para os negocios, sobre todo se teño unha planta de Volkswagen no Principat.

O deseño de FG para saír do sarillo catalán é este: ERC e o PDeCAT deben constituír un goberno non suxeito a procedimentos xudiciais -para o que previamente se teñen de desfacer do estorbo Puigdemont- e deben retrotraer Catalunya ao marco do Estatuto e da Constitución. O referendo non é posíbel salvo que unha maioría independentista catalá acrecentada conseguise convencer a maioría eleitoral española (en fin, quimérica perspectiva tendo en conta a deriva que van tomando os inquéritos). E se o novo Govern vai polo rego felipista-berlinés ao final da escapada pode agardar o agasallo dun indulto.

FG ve a política como un burgués satisfeito: todo se pode pactar arriba, nos salóns da boa sociedade. Ignora -ou finxe ignorar- que o procés obedece a un xenuíno movimento por abaixo da sociedade catalá. FG sempre finxiu moi ben. Con Évole até impostou desmemoria cando foi interpelado en relación ao indulto que o seu goberno concedeu ao golpista Alfonso Armada, en 1988. O arquitecto do 23F foi condenado a 30 anos de cadea por un delito de rebelión e apenas cumpriu 5. FG finxiu que non se lembraba diso, mais en todo caso dixo asumir a decisión de lle conceder o perdón ao militar faccioso.

A política é dialéctica. FG advoga por que os presos políticos saian á rúa mentres non existir unha sentenza condenatoria firme. É moito máis do que o PSOE oficial -secuestrado pola indecisión de Sánchez- está a defender. O voceiro de Berlín, cuxa biografía ten zonas certamente tenebrosas, até recolle a luva ao diálogo que lle tende desde Estremeras Oriol Junqueras. Rajoy e Rivera, mentres, manteñen un calculado silencio. Saben ben que lle pide o corpo a boa parte das súas bases eleitorais -clamar contra o contubernio alemán, Santiago y cierra España-, mais saben ben que quen manda, manda. A alta política é o que ten. E os que queiran desafogos carpetovetónicos, que sintonicen a emisora de Federico.