Os resultados son os que son e, do ponto de vista do nacionalismo galego, non teñen edulcoración posíbel.

Os resultados son os que son e, do ponto de vista do nacionalismo galego, non teñen edulcoración posíbel. Por vez primeira en 20 anos non haberá unha forza nacionalista galega no Congreso. Escrebín iso mesmo en twitter e o meu humilde comentario produciu certa reacción, por outra parte perfeitamente previsíbel, co argumento de que haberá deputados nacionalistas (de Anova) na Cámara. Certo, mais En Marea non concorreu como forza nacionalista e non actuará como tal. É un pouco como Xulio Ferreiro. El proprio declarou que, embora ser nacionalista, non exercería como nacionalista desde a Alcaldía, porque non concorreu nesa condición ás eleccións municipais. A cousa está clara.

Ben, retomo o fío. Co 99,43% escrutado, o resultado da candidatura que concorría como nacionalista na Galiza -Nós Candidatura Galega- está por debaixo do 5 por cento. O resultado é francamente mao -é residual nas cidades- e con el féchase un ciclo, o de dúas décadas de existencia dunha forza nacionalista galega -BNG- no Congreso dos Deputados. Dúas décadas con moitas máis luces do que sombras, un traballo dignísimo de representación deste país e de defensa dos seus intereses sen ningún tipo de hipoteca co exterior. Un traballo que non tivo agora o aval cidadán para a súa continuidade.

Por vez primeira en 20 anos non haberá unha forza nacionalista galega no Congreso

Inevitabelmente, o resultado condúcenos a unha viaxe no tempo, a 1982, con moitos matices, por suposto. Vexamos. En 1979 o nacionalismo, dividido, superou o 11% do voto nas eleccións xerais, o 5,9% do BNPG e o 5,4% de Unidade Galega. Non se conseguiu representación, mais o potencial para a ter era evidente. En 1982 un tsunami chamado PSOE, co mediático Felipe González á frente, arrasou o taboleiro: a coligazón Bloque-PSG ficou no 2,9% e Esquerda Galega, no 1,7%. Total, 4,6%. 33 anos despois, a história repetese. O nacionalismo viña precedido dun estimábel 11,2% do voto obtido polo BNG no 2011. Percentaxe quase idéntica á de 1979. Pois ben, ese 11,2% foi volatilizado por un novo tsunami, o de Podemos no Estado que na Galiza, mutatis mutandis, recolle En Marea. Muden vostés FG por Pablo Iglesias -líder mediático onde os houver, calquer día apresenta el o telexornal da Sexta- e complétase o cadro.

Diredes que a comparación con 1982 non é exacta porque neste 2015 está En Marea e ademais con moita potencia. Claro. A historia nunca se repete dúas veces da mesma forma, non fai falta lembrar o Marx do 18 de Brumario. O relevante aquí é notar que En Marea non vai ocupar o espazo do nacionalismo galego no Congreso sinxelamente porque non o é (nacionalista), de igual forma que En Comú tampouco se vai mover no campo do soberanismo catalán. De feito un dos componentes básicos da Marea é un partido, Podemos, que é un factor esencial no combate contra a independencia de Catalunya e se apresenta como garante da unidade do Estado. 

A superchería da nova e da vella política está a piques de voar polo ar e será reemprazada pola clásica división entre o centro-esquerda e a dereita

Cos resultados na man, é evidente que a superchería da nova e da vella política está a piques de voar polo ar e será reemprazada pola clásica división entre o centro-esquerda e a dereita. No primeiro está o bloco PSOE+ Podemos, no segundo PP + Ciudadanos. Aquí hai un práctico empate técnico. Daquela: quen vai desempatar? Pois, como agoiraba o mestre Enric Juliana, desempatarán os outros. Desempatarán as e os deputados de En Marea? Non, amigas e amigos, porque eses están xa aliñados no bloco PSOE+Podemos, son a estes efeitos deputados de Pablo Iglesias, como el propio puxo en evidencia ao arrogarse esa representación durante a campaña, sen que ninguén da coligazón Anova-PodemosGaliza e Esquerda Unida lle afease o xesto. Desempatarán os outros e os outros son os nacionalistas, os soberanistas, vascos e cataláns. Euskal Herria e Catalunya, que manteñen unha representación propia e soberana. Infelizmente non Galiza.

Unhas palabras finais sobre a campaña de Nós. Creo que foi magnífica, como se viu no impacto nas redes, e que a liña xeral -frescura, renovación- é a que compría seguir. O problema é no mínimo duplo: a) esta campaña foi a máis televisiva da historia e o mapa catódico foi estatal e foi a 4. Nesa liga non xoga o nacionalismo galego. Ben, non xoga nengún nacionalismo e se alguén o dubida, que bote unha ollada aos resultados de Euskal Herria e Catalunya (e iso que alá teñen meios televisivos propios) e b) faltou tempo para socializar a marca, para a popularizar suficientemente, e iso é evidente que lastrou os resultados, ao se producir unha certa confusión nas bases eleitorais menos politizadas e informadas do nacionalismo -este sábado aínda me perguntaron dúas persoas apoiantes do BNG cal era a candidatura desta formación política nestas xerais.

Conclúe, pois, un ciclo para o nacionalismo galego. Abrir un novo é esencial para gañar o futuro e para garantir a existencia dun proxecto nacionalista autónomo no país con capacidade de ser eleitoralmente competitivo.