Floteis: o triunfo da propaganda

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Hai que recoñecerlle ao PP, bebe da tradición de Goebbels, a súa excelencia na arte da propaganda.

Hai que recoñecerlle ao PP, bebe da tradición de Goebbels, a súa excelencia na arte da propaganda. Durante meses, mantiveron a atención da opinión publicada, a dos mass media amigos que controlan ferreñamente coas subvencións públicas, non na lúa, senón no dedo que sinala a lúa. Un dedo chamado floteis. Podían sinalar para o dique flotante ou para o levantamento do irracional veto que pesa sobre a construción civil en Ferrol. Mas non: sinalaban para os floteis, sabedores de que aí se xogaba non a partida principal, senón unha partida moi accesoria. Un deseño perfeito para presentar como triunfo do conseguidor Feijóo o que só é triunfo do propagandista Feijóo. Porque Feijóo fica aínda por conseguir [non o fará, nen sequera o está intentando] o que verdadeiramente importa, como din os traballadores do sector, que son os que saben disto: unha infraestrutura que nos colocase en boa disposición para competir no mercado das reparacións, o dique flotante, e unha decisión política, o erguemento do veto, que nos devolva todas as hipóteses de sermos o que eramos, unha potencia mundial na construción de navíos.

Con propaganda non se dá traballo aos miles que o perderon e que non o van recuperar cos floteis

Temos esteleiros e o normal, se non os fechamos, é que constrúan barcos. O PP, a Xunta, a imprensa amiga, véndennos como xesta o que é normal en calquer país do mundo que estexa presente no sector naval: que os esteleiros constrúan barcos. Do que xa non nos falan, ou só en voz moi baixa, é das facturas que pagamos en troca. Primeira factura, a venda de Barreras a Pemex, coa transferencia de tecnoloxía correspondente a México, direto competidor de Galiza na construción naval. Segunda factura, a renuncia ao dique flotante. O PP ofereceu na campaña eleitoral dique flotante e carga de traballo. Despois, xa con Feijóo en Monte Pío again, mudou o "e" da frase por o "ou", dique flotante ou carga de traballo. As cartas estaban marcadas. Era carga de traballo. Exigua. 2 floteis, que xerarán, como explica o presidente do comité de empresa de Navantia, horas de traballo moi limitadas.

A vía das mobilizacións

Expresouno ben Ignacio Naveiras, o presidente do Comité de Empresa de Navantia. "Alivio triste" é o que senten os traballadores, que neste asunto foron os únicos que estiveron moi á altura das circunstancias, con mobilizacións que xa están na historia de Galiza. Esa é a vía, a única, continuar reivindicando con firmeza o que en xustiza nos corresponde como país que un día foi referente mundial na construción de navíos.

O triunfo da propaganda é o que até agora mantén Feijóo no cadeirón presidencial. É relativamente doado triunfar nese campo cando se teñen a mao todos os meios, ou practicamente todos, todos os resortes e todas as trompetas, públicas ou privadas. Mais con propaganda non se dá traballo aos miles que o perderon e que non o van recuperar cos floteis. Con propaganda non se abre paso un no mercado das reparacións. Con propaganda non se voltarán a construír barcos civís en Ferrol.

Non é propaganda o que precisamos. Non son novos actos de Feijóo en Madrid (non é casual que hoxe vaia valorizar a noticia de Pemex precisamente na capital do Estado, este home talvez non goberne, mas ninguén lle pode negar que se emprega a fondo na súa campaña de promoción persoal). Xa abonda de tanta egolatría e de pór o cargo ao servizo das proprias ambicións. Diso xa vamos fartos, do que temos necesidade é de algo do que Feijóo carece absolutamente, de acción política a favor deste país. O que nos cómpre é termos un proxecto para Galiza -determinarmos cales son as nosas especializacións produtivas, onde podemos medrar, onde criarmos postos de traballo, valor engadido-, o que nos sobra é o proxecto narcisista dun señor que só pensa en gavear na escaleira que leva ou a un ministerio español, programa de mínimos, ou á Moncloa, programa de máximos.