Gaña Pablo Iglesias en Podemos Galicia

Xosé Mexuto - Director do diario dixital Sermos Galiza


Votar Carolina Bescana nas primarias de Podemos Galicia era tanto como votar contra o secretario xeral do partido no estado e, retórica da Nova Política á marxe, Podemos ten un funcionamento bastante próximo á cultura tradicional da esquerda. Un secretario xeral é sempre un secretario xeral e Pablo Iglesias é sempre Pablo Iglesias. Bescansa achegaba certo pedigrí e un currículo nada desprezábel, certo, mais tamén tiña non poucos flancos vulnerábeis, entre eles, e non o menor, o seu alleamento físico do país, a sensación de que viña aquí porque en Madrid non a querían (un pouco como Feixoo, que non se acabou de mudar á capital do estado, pero que o tería feito de non ter estado Soraya polo medio, xa me entenden). Sendo un tipo sólido e con máis nível político do que a súa predecesora, Carmen Santos, tamén derrotada neste pleito, Antón Gómez Reino carece do grao de predicamento social do que si goza a politóloga compostelá, mais soubo xogar as súas bazas: o seu maior coñecimento das bases organizadas de Podemos no país e, sobre todo, a súa condición de carta de Pablo Iglesias nesta partida.

Gaña Tone e en parte é unha boa noticia para a estabilidade de En Marea. Bescansa non se tería conformado con ser a secretaria xeral morada, tería ido a por todo dentro da confluencia. Non parece que Gómez Reino teña esa ambición. O duelo pola lideranza da organización fica así máis despexado e a día de hoxe a maior parte das fontes consultadas dirían sen sombra de dúbida que se trata dun combate entre só dúas persoas, o actual máximo dirixente orgánico e parlamentar, Luís Villares, e o alcalde de Compostela, Martiño Noriega.

Mais esa é outra historia.



x