Por que gañou Pablo Iglesias?

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Avanzo cinco razóns que, acho, explicarían por que Iglesias derrotou Errejón en Vistalegre II.

1.-A vitoria de Errejón, isto é, a derrota de Iglesias, levaría Podemos a un estado crítico, a unha crise de consecuencias imprevisíbeis. A vitoria de Iglesias, isto é, a derrota de Errejón, leva Podemos a un estado estacionario. Era previsíbel que se impuxese o criterio conservador das bases: en época de tribulación, mellor non facermos mudanzas, etc. Teñamos en conta que Podemos existe desde hai só tres anos e que no existe precedente de ningunha forza política que derrote o seu líder fundador con tan pouco tempo de existencia ás súas costas e sen ter sequera pasado polo poder. Iglesias, consciente disto, reforzou o selo plebiscitario das primarias, vinculando a súa continuidade ao triunfo da súa lista á dirección e da súa proposta de documentos.

2.-As bases de Podemos están á esquerda de Errejón. Aquí hai que esclarecer que por "bases de Podemos" debemos entender unha amalgama informe, non estamos a falar da militancia dunha forza política ao uso. Non sabemos quen son as inscritas e os inscritos. Pódeo ser calquera, só falta darlle a un clic. É previsíbel que se inscribisen miles de votantes e/ou militantes de Izquierda Unida interesadas e interesados en facer prevalecer as teses pablistas no interior do combo morado. Na medida en que se incrementase, como así foi, a participación a respeito da consulta de decembro (en que se decidiu o sistema de votación), Errejón tiña menos hipóteses de vencer.

3.-Errejón plantexou mal a campaña. Non ten coherencia política defender a continuidade dun secretario xeral (Iglesias) acompañado dunha maioría de dirección non afecta e dun documento político en que aquel non acredita. Se tes un proxecto político distinto, o coherente é postulares tamén unha candidatura á secretaría xeral. Ao non o facer así, Errejón serviu en bandexa de prata a Iglesias a conversión da campaña nun plebiscito sobre a súa figura. Por aí comezou a perder Errejón.

4.-A maioría da base organizada de Podemos é máis receptiva ao discurso de Iglesias (dirixido prioritariamente a desprazar o PSOE como partido hexemónico da esquerda e sen unha especial vocación gubernamental) do que aos cánticos gobernemos xa de Errejón. A dirección pablista ten tatuado na pel o exemplo do goberno Tsipras, proba palpábel de que a caracterización dos Anticapitalistas, non é posíbel un goberno de esquerdas na actual UE, é correcta. Os problemas dos gobernos municipais tamén alimentan ese estado de ánimo pouco proclive a pór no primeiro plano da axenda a asunción das responsabilidades executivas. Chamar a tomar o goberno xa é unha palabra de orde que deixa fría a maioría de Podemos.

5.-O cálculo de Iglesias é que a organización só pode medrar pola esquerda. De decembro de 2015 a xuño de 2016 (as dúas convocatorias das xerais), Podemos perdeu grosso modo un millón de votos (isto é, Unidos Podemos a respeito da suma de Podemos máis IU). De acordo cos pablistas, a perda ten a ver na maior parte con votantes de esquerda (moitos deles de IU) que non compraron a mercadoría de que non hai direitas nen esquerdas e que discordaron da arriscada manobra de lle negar a investidura a Pedro Sánchez (porque a derivada era darlle unha nova bola de partido a Rajoy, que Mariano, claro, aproveitou). Iglesias pensa que primeiro hai que reunir todo o voto de decembro de 2015 antes de facer algún tipo de movimento de moderación da mensaxe. As bases estiveron de acordo e neste sentido funcionou a identificación de Errejón co PSOE profusamente trombeteada polo aparato pablista.

E agora que?

O previsíbel é que Iglesias tente costurar o partido e non pase o ferro por cima de Errejón. Se o fai estaríallo pondo demasiado doado a Susana Díaz. Rajoy, por súa parte, está feliz: un PSOE controlado por Susana Díaz e un Podemos en mans de Pablo Iglesias garántenlle unha vida tranquila na Moncloa.