É Luís Villares un nacionalista conservador?

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Nunha recente entrevista, a destacada dirixente de Podemos Galicia Luca Chao descualificaba a maioría villarista que neste momento controla a dirección de En Marea —após a súa vitoria nas recentes primarias— co argumento de que o aparato da confluencia profesa o que tildou como "nacionalismo conservador".

É un argumento interesante porque no mínimo introduce unha clave política a partir da cal entendermos a inextricábel lea en que ficou entalada, case desde a súa fundación, a chamada esquerda rupturista galega. É mellor partirmos deste tipo de razoamentos que perdérmonos na cansativa retórica auto-referencial da unidade popular para arriba e a unidade popular para abaixo, con todos os segmentos organizados a se disputar a paternidade e a maternidade de tal fetiche.

Mais, unha vez que se pon sobre a mesa ese argumento —o villarismo pertence a "unha tradición política que nós entendemos minoritaria, do nacionalismo máis conservador", Luca Chao dixit— é pertinente sometelo á consideración.

E a pergunta que cabe facer aquí é, por tanto, se podemos considerar que na Galiza existe un nacionalismo conservador (con independencia do grao que este presente, pois na formulación de Chao o de Luís Villares seríao de forma superlativa).

Ben, son dos que considera que nas condicións actuais da Galiza a expresión "nacionalismo conservador" é un oxímoro, unha superchería retórica, un significante que denota o baleiro. Dito telegraficamente e en trazos grosos: neste país non é posíbel ser á vez nacionalista e conservador. Ou por poñelo en positivo: na Galiza nacionalismo é sinónimo do que topicamente se considera esquerda (ou progresismo nas súas múltiples variantes, desde a socialdemocracia até o comunismo). Se o pensamos ben, un nacionalista pouco ten que conservar na Galiza social e politicamente hexemonizada polo PPdeG. Na práctica nada. Este país non pode ter menor peso político no estado. Este país non pode ter un autogoberno máis raquítico. Este país non pode ter máis reprimido o seu potencial produtivo, económico e demográfico. Ningún nacionalista pode querer conservar nada disto. 

A experiencia histórica demóstranos que todas as vías que na Galiza pretensamente se ensaiaron para edificar un nacionalismo digamos centrista ou centro-dereitista —val dicer, conservador— fracasaron pola simples razón de que non existe unha demanda social que as poda viabilizar. Na política, como tampouco na economía, non funciona a Lei de Say, isto é, a oferta non cría a demanda. Se non hai sociedade que te sosteña por abaixo ningunha superestrutura poderá prosperar. E quen teña dúbidas a este respeito que pense en como e en onde acabaron os cadros dirixentes de Coalición Galega.

En fin, non diría eu que Luís Villares é un conservador. Vir tampouco vén desa tradición, en realidade procede daquela que historicamente achou lazos entre marxismo e soberanismo. Non creo que sexa o adxectivo "conservador" o que afaste Chao do villarismo, mais ben creo que a dirixente de Podemos onde ve o problema é no sustantivo, no nacionalismo.

En definitiva, a posición de Luca Chao poderíamos resumila así: si á unidade popular —concebida esta como o encontro de nacionalismo e esquerda estatal—, mais a condición de que o soberanismo —entendido este como o principio de que a soberanía da organización debe estar na Galiza— se subordine sempre aos intereses das forzas políticas cuxa sede central se acha en Madrid.