A demoscopia empurra de moito nabo e, destarte, na reunión de brainstorming da Moncloa, primeiras horas da mañá, alguén di eureka e propón un aceno simbólico, presidente, o voto feminino é decisivo, xa estamos a pór en risco o dos pensionistas, non podemos recuar mais. Meu dito meu feito. Rajoy apareceu ás poucas horas nun acto do PP a lucir un lazo lilá.

 

Si, o mesmo señor que hai poucas datas, interpelado por un xornalista nun meio afín a respeito da discriminación salarial que aturan as mulleres, afirmaba: "Non nos metamos niso". O señor que dirixe un partido que hai poucas datas criminalizaba a greve das mulleres por elitista, anticapitalista e o demo me leve.

 

O PP é un partido maquiavélico na súa concepción do poder. É unha máquina para o conquistar, é unha máquina para o manter. A moral que importa é a moral que interesa en cada momento. Non significa isto que non teña principios (tenos, francamente conservadores), mais o seu principio rector é o da supervivencia.

 

Se eles retroceden -se en plena greve Mariano coloca na lapela un símbolo feminista- é que non vai tan mal a cousa.Teimemos.

 



x