Era un tecnócrata, un rapaz espelido que contaba co favor de Marta Ferrusola

Era un tecnócrata, un rapaz espelido que contaba co favor de Marta Ferrusola, sen peso político, ía continuar a liña pactista-posibilista do pujolismo, parte do réxime do 78, la pela es la pela, un tipo do establishment, da lei e a orde, e non ía facer nada sustancialmente distinto do que se agardaba del, ía ser guiadiño. 

Ese era o prognóstico cando Mas foi empoleirado na lideranza de CiU como sucesor de Jordi Pujol, o pai fundador agora caído en desgraza. Ninguén acreditaba en que detrás do sorriso algo forzado de Mas e das suas poses de autómata houbese algo de cerebro político. Sería un xestor. A política na sombra xa a faría el president eterno e os seus fillos, ese era o cálculo de Ferrusola, Artur como ponte de prata para preparar a aterraxe de Oriol, o hereu.

Mas fíxose consciente de que o que lle apetece ao Estado español é un nacionalismo manso, autonomista, cumpridor da legalidade entendida non como a cristalización da vontade democrática, senón como dogma

Mais saltou a sorpresa. O cenario mudou a velocidade de vertixe. Maragall levou o PSC a posicións filonacionalistas por convicción persoal e por intuición de que só así podería socavar a hexemonía de CiU. Porén, o movimento do ex alcalde de Barcelona escorou aínda máis cara ao nacionalismo o eleitorado catalán. ERC pasou os seus maos momentos, até que comprendeu que ou mudaba de partitura -e de intérpretes- ou camiñaba cara á irrelevancia. E púxose a procurar fóra da organización o que non tiña dentro. E achou a Oriol Junqueras. A sociedade tamén se mexía por abaixo. Apareceu a CUP. Zapatero prometeu daquela o que logo incumpriría: que respeitaría a vontade do pobo catalán. 

E, si, saltou a sorpresa. En Mas había un político. Un político é sempre alguén pragmático porque a súa experimentación se produce na realidade e a realidade é dialéctica, como a vida, o que vale hoxe pode ficar mañá ultrapasado. Mas tentou o posibilismo, non o esquezamos, e pactou con Zapatero o retallamento do Estatut. Foi entón cando chegou o TC e mandou parar e foi entón cando Mas se fixo consciente de que o que lle apetece ao Estado español é un nacionalismo manso, autonomista, cumpridor da legalidade entendida non como a cristalización da vontade democrática, senón como dogma, como lei sagrada e intocábel (ben, non tan intocábel, Merkel si pode modificala a vontade).O

O burgués largou amarras, esqueceu os pactos históricos coa oligarquía castellano-andaluza e desempoou conceitos clásicos que manteñen toda súa vixencia, autodeterminación, até desobediencia civil

O político Mas entendeu cales son os límites do posibilismo e que España é o que é, unha estrutura xeneticamente imperialista, construída sobre a negación das nacións que contén no seu seo. E decidiu facer política interlocutando coa sociedade, o burgués largou amarras, esqueceu os pactos históricos coa oligarquía castellano-andaluza e desempoou conceitos clásicos que manteñen toda súa vixencia, autodeterminación (eufemisticamente virado en dereito a decidir), até desobediencia civil.

Ese Mas é o que lle di á sociedade catalá que o adversario real de Catalunya é o Estado español. Quen podía imaxinar que o hereu acabaría pronunciado sentenzas dese teor cando Pujol decidiu facerse a un lado? Ese Mas está a mostrar unha enorme talla política. Só lle falta rematar a xogada. Para consagrarse, só lle resta anunciar que el non será un problema para que o bloco soberanista se materialice como tal, que está disposto a non liderar el esa candidatura, que neste momento o país ten que se pór por diante das pulsións partidistas, das ambicións persoais.