Non deades por derrotada a Soraya

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Si, sería un erro. O primeiro que se está a tomar moi en serio as opcións da ex vicepresidenta é Feixóo. Por iso transmite certas dúbidas. Por iso esa frase menos críptica que ambigua de que o que máis pesa na súa decisión é a súa condición de presidente da Xunta (á que tería que renunciar para concorrer ao puxilato interno polo liderado do partido).

Si, eu non daría por derrotada a Soraya. É máis, á súa candidatura véxolle non poucas vantaxes:

1.-Ten un escano no Congreso. Feixóo non.

2.-Non ten fotos comprometedoras na mochila. Feixóo si.

3.-Sabe moito dos seus hipotéticos rivais: o CNI estivo ás súas ordes. Feixóo sabe dela o xusto, aínda non temos na Galiza un servizo de intelixencia (que saibamos).

4.-Naceu en 1971. Feixóo en 1961. É unha década de diferenza. Ten o tempo ao seu favor.

5.-Non ten grande cousa que perder. Feixóo, si. A súa aura de político invicto. A presidencia da Xunta. Ela pode perder e ten o futuro intacto dentro do partido. El, dificilmente.

6.-É muller. Sería o único cartaz feminino nas eleccións (fronte Sánchez, Rivera e Iglesias). As mulleres son hoxe unha forza eleitoral indiscutíbel.

7.-Non está directamente implicada en asuntos de corrupción. Feixóo aínda ten que explicar ben o asunto Pablo Crespo: por que se esqueceu de o cesar da súa cadeira en Portos de Galiza?

Se Feixóo finalmente baixa á area (é o máis probábel), a contenda sería entre o aparato (Cospedal aliñada co presidente do PPdeG) e Soraya. Non esquezamos que desta volta, e por vez primeira, o congreso vano decidir as e os afiliados do partido, menos controlábeis que as e os compromisarios (que son os que resolven se as bases non outorgan suficiente vantaxe a ninguén na primeira volta). E nesa contenda Soraya sempre pode vender -subliminalmente- o relato de Muller Nova Honesta e con Escano no Congreso fronte á menos amábel historia de Amigo de Marcial Dorado en entente coa Muller da indemnización en diferido a Luis Bárcenas.

PD: E si, xa sei que existe a opción de que finalmente Soraya non se apresente desta volta, unha decisión que sería filla do cálculo de que os próximos anos son de Sánchez e non do PP: que se esfarele Alberto, que logo xa irei eu.