De tanto dicer que é nova, a nova política virou ben axiña en política vella.

De tanto dicer que é nova, a nova política virou ben axiña en política vella. Non é só por unha mestura de oportunismo e tacticismo, que tampouco eu condenaría, ás veces a revolución precisa de certos caneos, senón por unha arrogancia desmedida e elitista, de pobo elixido, todo o que non sexan eles son os xentís. En definitiva: nada hai máis efémero que a política, así que o novo vira vello en menos de dous telexornais. O programa eleitoral co que concorreu Podemos em maio a Europa apenas tres meses despois xa ficara periclitado. E entre o que defenden agora as rapazas e os rapaces de Pablo Iglesias e o que dirá o líder carismático en novembro, ou cando foren as eleccións xerais, a bon seguro que mediará un océano. Non  ficou só o piercing polo camiño do profeta da Tuerka, ficou tamén a renda cidadá universal, a denuncia da débeda, o referendo vinculante en Catalunya...

E se ollarmos para Galiza e para o próximo combate eleitoral de maio, que dicermos das Mareas? 

Primeiro, gabábanse de seren organizacións novidosas, de base cidadá, puro espontaneísmo.

Organizacións absolutamente transparentes e democráticas, coas primarias por bandeira (que as primarias sexan un invento da política yankee e que espellen ante todo os intereses da democracia mediática ese é tema para outro artigo...).

Discurso adanista

Despois, a pouco que un rabuñase baixo a superficie, fomos advertindo que os partidos -basicamente Anova, Esquerda Unida e Podemos- pintaban bastante nas Mareas, esas plataformas que se apresentan a si proprias como xenuinamente cívicas, cun certo discurso subxacente adanista, como se os seus membros fosen recén chegados [algo que, aliás, non resiste o contraste biográfico de non poucos dos seus máis destacados militantes e dirixentes].

Logo apareceu a palabra consenso. Ostras, a palabra de moda durante a transición da ditadura á democracia formal no Estado español!

Quen foron os arquitectos do "consenso"? Pois a teor de todos os dados dos que dispomos, os aparatos partidarios, do contrario é ben difícil explicarmos por que IU se fai coa cabeza de lista en Vigo e Anova en Compostela

Ou sexa, no canto de competencia entre no mínimo dúas persoas nas primarias para a escolla da ou do cabeza de lista, chegou o momento do consenso, da transacción, de pactar un nome ao fronte da candidatura. Mais, querido Pablo Iglesias, non ficaramos en que o ceo non se asalta por consenso???

Pois si, consenso, así resultou que na Coruña os integrantes da Marea acordaron por consenso que a candidatura a encabezase Xulio Ferreiro, mentres que en Vigo, tamén por consenso, combinaron en que o fixese Rubén Pérez e en Compostela, Martiño Noriega

Primarias sen candidatos alternativos para os líderes das listas (by the way, todos homes, un pouco syrizo o asunto). Curiosa nova política.

Vaites, quen foron os arquitectos do "consenso"? Pois a teor de todos os dados dos que dispomos, os aparatos partidarios, do contrario é ben difícil explicarmos por que IU se fai coa cabeza de lista en Vigo e Anova en Compostela, e todo iso con políticos, alén do máis, de longa traxectoria, políticos de "aparato". Dubido que o espontaneísmo e a rebelión cidadá desen ese resultado se boa parte do asunto non estivese movido polos partidos que integran as mareas.

O que me molesta é a retórica democratista falsa que se gastan os propagandistas da operación

Non nego a lexitimidade de que iso aconteza. O que me molesta é a retórica democratista falsa que se gastan os propagandistas da operación.

E despois está o tema de que é aquilo que defenden as mareas. En teoría apreséntanse como unha fronte rexeneradora, democratista e anti-PP. Mais iso é só a teoría porque, ollo, as Mareas tamén concorren en concellos gobernados polo nacionalismo galego. Hai Marea en Pontevedra, onde se practica un estilo de goberno antitético ao do PP desde 1999. É máis: as mareas reuníronse o sábado 14 en Pontevedra. Habería que perguntarlles se para eles Lores é tamén casta...

Non é, portanto, estraño que Xulio Ferreiro dixese no seu día -parafraseando o evanxello segundo Pablo Iglesias- que "non somos nen dereita nen esquerda", un pouco na liña de Breogán Riobóo: "Nen centralismo nen nacionalismo". Nunha nación sen Estado, se non te defines como nacionalista estás a santificar o que hai, o statu quo en que esa nación é negada. Nese contexto, fai moi ben o nacionalismo en comparecer ante a sociedade como o que é, co seu rosto propio, sen camuflaxes, en ben do pluralismo e da existencia de Galiza como nación política. 

Está claro: as mareas organízanse para ser goberno cun programa moi penetrado polo discurso post-ideolóxico de Podemos e como plataformas basicamente controladas polos vellos aparatos partidarios de toda a vida: ti Vigo, eu Santiago (aínda que son alcalde de Teo, évos igual, teño bula, e, alén do máis, non penso demitir)...

Vella, moi vella política.

Este artigo viu a luz nas páxinas de Opinión do número 138 de Sermos Galiza, saído do prelo a quinta feira 19 de marzo, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.