Non quixese eu estar neste momento na nómina de asesores do PNV. A tensión debe ser máxima. Nunca na historia do réxime de 1978 5 votos foron tan decisivos. Sabin Etxea é neste momento quen ten a chave da Moncloa. Calquera outro partido sentiría vertixe. Os jeltzales están máis ou menos afeitos a esas alturas. Vano levando. Non sexamos cínicos: moitos nos cambiaríamos por eles.

E, porén, tal e como están colocadas as cousas, o dilema do PNV non é tan difícil de desenlear. Basicamente hai dous cenarios: 1. os seus votos selan a acta de defunción política de Mariano; 2. manteñen o cadáver con vida por unhas semanas. Mais se a moción de Sánchez fracasar pola  abstención jeltzale, daquela Podemos introduciría unha moción técnica para avanzar eleccións ao outono deste ano. Moción que si triunfaría porque tería o apoio de Cs e porque o PSOE non podería non respaldala. Nese segundo cadro, que valerían os 5 votos do PNV? Nada, absolutamente nada. Serían prescindíbeis. E se algo produce terror en Sabin Etxea é precisamente iso, ser prescindíbeis.

Se algo produce terror en Sabin Etxea é precisamente iso, ser prescindíbeis

 

Ergo, se esta sexta feira o PNV non apoia a censura impulsada por Sánchez o seu movimento non serviría de nada. Só serían decisivos para alargar a agonía de Raxoi. Portanto, o PNV só ten unha forma de conseguir politicamente os seus dous obxetivos -patentizar que ten as chaves do Reino e impedir o anticipo das eleccións- e esa forma pasa por colaborar na chegada de Sánchez á Moncloa.

Conste que non coñezo ningún asesor do PNV e conste que todo isto que escribo é puramente especulativo. Mais arrisco un prognóstico: o PNV finalmente apoiará a moción.

E se Raxoi demite 'in extremis' para deixar sen efeito a moción de censura tal e como avanza El Confidencial? Ben, esa é unha hipótese improbábel, mais non absolutamente desbotábel. To be continued.