Estarrece o conteúdo do acordo da UE con Turquía en materia de refuxiados e dereito de asilo. Estarrece e esclarece. Esclarece sobre o que é realmente a UE, unha estrutura anti-democrática, filla do colonialismo e do imperialismo. A retórica hexemónica continúa a identificar os valores europeus coa Ilustración e a razón. Mais en Europa naceron tamén o colonialismo e o fascismo, rampante este nos últimos procesos eleitorais, desde a Dinamarca de Borgen até a Alemaña en que se incubou o ovo da cobra. Que o acordo con Turquía leve o carimbo de conservadores, liberais e do socialdemócrata presidente da Eurocámara mostra tamén a ficción da democracia na UE: un mero turnismo entre forzas políticas que en esencia partillan o mesmo deseño oligárquico, imperial e racista.

Os EUA liquidaron hai décadas a Convención de Xenebra -eis aínda Guantánamo- e practican a cara descuberta as execucións extraxudiciais en todos os cantos do planeta, terrorismo imperialista. A UE acaba de liquidar un dereito humano inalienábel, un dos dereitos que identifican mellor os avanzos civilizatorios que se conseguiron a duras penas no século XX, o dereito de asilo.

PD: de verdade Tsipras apoia este acordo? Como se pode sepultar baixo os entullos da realpolitik todos os ideais emancipatorios que no seu día alumearon o nascimento de Syriza?