Non acredito que sexa un rasgo da nova política (se é que tal artefacto existe), mais eis os temos outravolta, a conspiraren contra si propios nunha escuridade relativa (rachada por un efémero e sospeitoso desliz en Telegram, a rede de comunicación favorita da equipa morada). Diríase desde fóra, nunha análise de urxencia, epidérmica, que o momento é especialmente inoportuno, en plena combustión de Cristina Cifuentes, mais talvez, se o pensamos friamente, ten certa lóxica que sexa agora, xustamente agora, cando os duelistas desembaiñan as espadas. Non poucos dirixentes de Podemos fan a análise de que agora ou nunca, de que o seu candidato en Madrid ten opcións reais a herdar o trono que máis cedo ou máis tarde deixará vacante a estudante trampulleira do máster que nunca existiu. 

Bescansa calcula que isto non só vai de Madrid, que unha vitoria de Errejón nese territorio autónomo tan fantasmagórico como goloso en termos económicos tería unha inmediata trascendencia estatal e debuxaría a mellor conxuntura imaxinábel para lle mover a cadeira a Iglesias. A compostelá é a gurú demoscópica do partido morado e ninguén mellor do que ela sabe que Iglesias produce demasiado rexeitamento social (percentaxe de eleitoras que din que nunca o votarían) e que con el ao fronte Podemos xamais podería aspirar a traspasar o limiar da porta do palacio da Moncloa.

Mais Podemos ten un problema: a súa infinita capacidade para se enroscar sobre si propio, son tan auto-referenciais á hora de escribir os seus textos como á hora de desbaldir as súas oportunidades políticas -Cifuentes ferida de morte- nunha interminábel guerra de posicións interna.

Si, conspirar contra o César é un atavismo shakesperiano que costuma ser unha tentación difícil de resistir para as dirixencias políticas (as novas e as vellas) e si, talvez non sexa Iglesias o mellor cartaz para 2020, mais Mariano -entretido en presenciar como cae unha hipotética alternativa ao seu liderado, a agora chamada "señora Cifuentes"- volta a ver como a rapazada de Podemos lle regala un novo balón de oxíxeno.