A cousa non ten ningún segredo: o PP sostena porque pode. Sostena porque en termos políticos apenas lles vai traer custos. En realidade, sostena pola mesma razón pola que Feixóo —con ese pedazo de mochila ateigada de fotografías incómodas— pode reinar na Galiza con relativa comodidade e, en troca, non duraría nen un par de telexornais en Madrid. Sostena porque na Galiza vivimos [eles gozan, o resto sofremos] un réxime que se basea no control cuase absoluto dos meios de comunicación de masas [por iso é heroica a pelexa das e dos traballadores da CRTVG e os seus Venres Negros]. Sostena porque a sociedade civil realmente existente é débil, carece da necesaria autoconciencia, non é quen de xerar contra-poderes suficientemente potentes e está pouco estruturada.

Noutras condicións —digamos as condicións normais nunha democracia formal, cun outro xogo mediático, sen monopolios de facto— sería inconcebíbel soster unha ombusdwoman que incorrese, segundo unha sentenza do máis alto tribunal do país, no noso caso o TSXG, nun trato de favor que resultase no enchufe da irmá do portavoz do grupo parlamentar que dá soporte ao goberno.

Aquí, non. Aquí o PP faino e aparentemente non pasa nada. O instituto demoscópico para-oficial xa ditou sentenza: non só non baixamos, senón que imos ben, aplauden en Monte Pío. 41-34, nova vitoria no Pazo do Hórreo. 41 votos para tapar máis unha indecencia, máis unha indignidade.

Isto ten arranxo? Só se entre todas reforzamos, máis cedo que tarde, o espazo galego de comunicación. Só se entre todas nos dotamos de mecanismos que teñan capacidade real e material de fiscalizar o poder. Chámase xornalismo.



x