Raxoi é indescifrábel até para os marianólogos, mais avanzo unha hipótese. Mariano marcha agora porque non quer ser Aznar II. Non quer aparecer como o tutor do proceso de remuda do liderado no partido. Sabe que a súa sombra non é neste momento un manto protector, senón máis ben un lastro para calquera que se queira apresentar como rexenerador do partido. Fóra da Moncloa, Raxoi pouco demorou en ser consciente da realidade. E a realidade acostuma ser cruel cos liderados caídos: é mellor caer de vez, non en cámara lenta. Raxoi nisto é patriota de partido: o mellor para o PP, tal e como el mesmo dixo, é liscar sen máis demora.

E agora? Pois veremos até que ponto se cruzan os sables e reagroman ou non os instintos cainitas característicos de toda formación política en horas baixas (ben, hai algunhas forzas que teñen eses mesmos instintos mesmo cando os ventos sopran nas velas). Feixóo é un candidato aparentemente inevitábel na carreira polo relevo de Raxoi. Un candidato, porén, que apresenta non poucos flancos vulnerábeis. Si, esas fotos. Si, esa nunca ben explicada preguiza á hora de cesar Pablo Crespo do seu cargo en Portos de Galiza. Un candidato do que non se pode afirmar que estea libre de toda sospeita. O aparato de Monte Pío acredita nas opcións de Feixóo porque, opinan, as fotos de Marcial Dorado foron exorcizadas após o seu paso polas cámaras de Sálvados. Non estou moi certo diso. O sucesor de Raxoi non vai ser calquera. Vai ser alguén que estará baixo os focos do goberno de Pedro Sánchez -que agora pasará a controlar os meios públicos- e baixo os focos dos meios próximos a Ciudadanos. O escrutinio será implacábel. Feixóo quer ser nomeado candidato por aclamación, por consenso, mais non é desbotábel que teña que competir con outras opcións, entre elas apuntaría a de Ana Pastor, unha persoa moi próxima a Raxoi, no político e no amical.

En todo caso, Raxoi faise a un lado e non moverá un dedo en público por ninguén. Outra cousa é o que faga entre bastidores.