PSOE e as Mareas necesítanse mutuamente

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


No taboleiro, quer queiran quer non, hai unha evidencia incontornábel: PSOE e as Mareas necesítanse mutuamente. No plano de conformación das maiorías, están condenados a entenderse. O PSOE precisa os votos de En Marea para colocar Schez no complexo monclovita. As Mareas precisan os votos da franquicia socialdemócrata galega para asaltar Monte Pío e manter os bastóns de mando no triángulo municipal Ferrol-Santiago-A Coruña.

Non é de estrañar, pois, o encontro, en principio non programado, entre Schez e Ferreiro na Coruña. Segundo as fontes coñecedoras da reunión, alí falouse de todo. Isto é: Moncloa, Monte Pío e María Pita.

O que falta por saber é se a Marea como tal vai ter unha estratexia propia. Até agora non a tivo. Até agora estivo enfeudada á estratexia de Podemos. E aí hai unha contradición evidente: así como a Marea está condenada a entenderse co PSOE, Podemos está condenada a confrontar co PSOE. A Marea quer gobernar xa. Non é seguro que Podemos queira gobernar xa (ben, a corrente de Errejón -minoritaria polo que se viu en Madrid- si, mais o núcleo de fieis de Iglesias, máis ben non).

Hai unha contradición evidente: así como a Marea está condenada a entenderse co PSOE, Podemos está condenada a confrontar co PSOE

Unha rotura en Madrid com Schez podería sementar o campo de minas na Galiza e mesmo inviabilizar o pacto PsdeG-Marea, sen o cal evidentemente o PP retería o control da Xunta.

Esa rotura com Schez talvez lle interese a Iglesias (non así a Errejón). Acho que a quen non lle interesa é a Marea, ou no mínimo aos fragmentos da Marea (Anova, EU, as candidaturas municipalistas) que non son diretamente aparato de Podemos.

PD: Beiras chamou criptofascista a Cs, Martiño Noriega afirma que en política fiscal e económica son máis reaccionarios que o PP. Estamos eventualmente en período pre-eleitoral e os cualificativos ás veces non se sopesan abondo. A ver: supoñamos que Podemos finalmente se abstén en Madrid e tolera un goberno PSOE-Cs (ou sexa, que Errejón dá convencido a Iglesias). Obviamente aí se consumaría unha rotura (formal) entre o PP e Rivera. Supoñamos que Cs obtén 2 deputados no Parlamento galego. Supoñamos que eses 2 deputados suman maioría absoluta ou para a direita ou para a esquerda no Pazo do Hórreo. Non sei se chamarlles criptofascistas agora é intelixente se despois vas precisar os seus votos para investir un dos teus como presidente. Si, xa sei o que dicía Fraga: a política fai estraños compañeiros de cama, etc.