Gaña Cospedal, que ve derrotada a súa íntima inimiga.

Gaña Aznar, que recupera a influencia perdida.

E gaña Feixóo, que aparece, da man do voto galego, 10 por cento dos delegados no Congreso, como o árbitro da nova situación. Quen ten o poder nun partido ás veces non é o líder, ás veces é quen pon ou quita líderes.

E gañan tamén a maior parte dos mass media da direita, a maior parte deles ben máis reaccionarios do que o sorayismo (aos seus ollos, Cristóbal Montoro, ex ministro de Facenda, aliado agora da ex vicepresidenta, non era senón un perigoso socialdemócrata disfrazado).

Quen ten o poder nun partido ás veces non é o líder, ás veces é quen pon ou quita líderes.

 

Quen gaña, en troca, se gaña Soraya?

Gaña o sector de cadros do partido máis vinculados ao que foi o aparato monclovita.

Gaña Raxoi, mais o veterano rexistrador da propiedade aparenta estar máis preocupado pola hipotética marcha de CR7 do Real Madrid do que polas sempre aborrecíbeis escaramuzas internas do seu partido.

Vemos, pois, en principio máis forzas gañadoras a carón de Casado do que na contorna de Santamaría.

Destarte, e tal como ficou o taboleiro de marcas o 5X —vitoria axustadísima de Soraya, á beira do empate técnico— o casadismo ten todas as bazas gañadoras, embora nunca se pode dar por derrotada a ex vicepresidenta (se a información en politica é a materia prima do poder, quen máis información ten no PP sobre todo o que se move é Soraya).

Especulemos, no entanto, co máis probábel. Casado gaña o congreso. Relevo xeracional, líder conservador e españolista para frear a maré de Ciudadanos, bla, bla, bla. Un momento: ten esa cousa xudicial pendente, a hipotética manipulación dun máster. Postos a especular, imaxinemos que Casado, xa presidente do PP, acaba por ser imputado. Fixeron un pan cunhas tortas: outra vez o partido conservador nos xulgados.

Se a información en politica é a materia prima do poder, quen máis información ten no PP sobre todo o que se move é Soraya

 

Imaxinemos o caos. Imaxinemos un novo congreso á volta duns meses, xa perto de 2020.

Quen podería emerxer entón como o mesías?

Si, en Monte Pío hai quen aínda suspira por un happy end nesta historia. 



x