Rajoy, feliz, fai brincadeiras

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


A pesar de que lidera un partido imputado nunha causa por corrupción, Rajoy está na cimeira da súa carreira política. A esa altura chégase cando un consegue cuase a totalidade dos seus obxectivos e aí, nen un chanzo por debaixo, está Rajoy. Basta velo na tribuna do Congreso para o comprobar: rebuldeiro, a deitar retranca sobre as bancadas propias e rivais, cun sentido do humor moi propio do noso país e non sempre ben entendido polas mentalidades mesetarias.

Rajoy ten o que quería: após perder cuase tres millóns de votos a respeito das eleccións xerais de novembro de 2011, manterá sen problemas a presidencia do goberno. Ten, aliás, algo máis: a oposición que quería. Un PSOE amordazado e golpista (co cadáver Sánchez aínda quente e ameazando con resucitar no armario) e un Podemos de ton abertamente beirista, mais pronto a escenificar o próximo número (show must go on) do que a formular unha alternativa viábel e verosímil. Con ese cadro, a direita ten garantida a hexemonía nos próximos anos sen maior sobresalto e aínda que non alcance nen de lonxe o 40 por cento dos sufraxios válidos emitidos (conseguiu apenas o 33,03 o 26 de xuño).

Paga a pena reflectir tamén sobre o papelón da Galiza na terceira sesión de investidura que vivemos neste 2016. Ausencia cuase total. A inserción de En Marea no grupo Podemos resta toda visibilidade ao noso país. 5 deputados apenas rendibilizados, nomeadamente se temos en conta que a parte forte do discurso de Alexandra Fernández non foi tanto para pór os problemas do país sobre o cenario como para, nunha estratexia cuspidiña a de Podemos, zorregarlle ao PSOE e colocalo como "integrante" de pleno direito do que chamou "Partido Único".

En Marea terá que ir aprendendo a facer política en Madrid pensando nos intereses da Galiza e nos seus intereses na Galiza. Até o de agora nen fai unha cousa nen a outra

En Marea terá que ir aprendendo a facer política en Madrid pensando nos intereses da Galiza e nos seus intereses na Galiza. Até o de agora nen fai unha cousa nen a outra. É pensar nos seus intereses na Galiza descualificar por inteiro un seu aliado potencial sen o cal non é posíbel concebir unha alternativa a Feijóo na Xunta e ao PP nos concellos? É evidente que o PSOE merece unha severa censura política por apoiar a continuidade de Rajoy, mais diso a queimar todas as pontes media un abismo. Pensa En Marea/Podemos que diabolizando o PSOE vai obter os seus votos? É compatíbel ecoar o discurso "PSOE, PP, a mesma merda é" e, a seguir, conversar na Coruña sobre un hipotético goberno de coligazón con Mar Barcón, dirixente claramente aliñada co sector que liquidou Pedro Sánchez?

En fin, Rajoy surfea a onda do maior suceso político da súa carreira. Acaba de atopar a súa contraparte perfeita, Pablo Iglesias. Que maneira de retroalimentarse!! Que felices e plenos parecían!! Como se entraban o un ao outro ao trapo!! Brincadeiras co twitter, cos sms, diálogos de telecomedia!! Son os dous grandes gañadores da investidura. Os dous están onde querían estar, un no goberno e o outro sobre as cinzas do PSOE.