Hai veces en que os eslóganes visitan os xulgados. Esta é unha desas veces. Con efeito, os recortes matan. Os recortes no investimento sanitario causaron mortes na Galiza. Iso denunciaron afoutamente as e os afectados pola hepatite C e iso denuncia agora a fiscalía de Santiago de Compostela, que imputa por homicidio e prevaricación dous altos cargos da Administración galega nomeados por Feijóo.

As políticas mal chamadas de austeridade reducen a protección das persoas e poñen en risco un dereito fundamental das persoas, o direito á vida. A mesma Administración galega que baixo Feijóo triplicou a débeda pública -para gozo da banca privada- é a que retalla o investimento máis necesario e sagrado, aquel que pode salvar vidas, aquel que vai á sanidade pública, a sanidade de todas e de todos. O fiscal entende que altos cargos deste goberno cometeron homicidio e abre así unha vía moi interesante para punir os delitos que se cometen en aplicación da ortodoxia neoliberal.

Xa non está a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que era a responsábel política dos feitos cando estes se produciron. Feijóo ficou sen blindaxe. As responsabilidades políticas -as penais serán ditaminadas no seu día- están para seren asumidas. A ver como fai a imprensa amiga para tapar este novo buraco no escudo do presidente.