A ruptura da esquerda rupturista

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Estamos nun momento en que Santiago Abascal pisa máis os platós de televisión que Pablo Iglesias, así que o pánico aniña na esquerda á esquerda do PSOE e os agoiros demoscópicos recollen un novo abalo do taboleiro, mais desta volta a onda expansiva vén das cavernas, o apelo troglodita á reconquista da España una, grande e libre.

Neste momento os dirixentes da esquerda deberían tatuarse na fronte que a divisa básica do poder foi sempre divide et impera. Certo é que por vez primeira desde hai décadas a dereita aparece agora fraccionada e non reunida (RIP a obra de Manuel Fraga), mais non confundamos diversidade de oferta con división (o produto que se pon no mercado é basicamente o mesmo). Un fío condutor une Vox, Podemos e Cs. Na esquerda, porén, a atomización costuma ser sinónimo de pelexa estratéxica de fondo, de diverxencia a respeito do que, non só do como ou de con quen.

O fenómeno que vive Podemos —coa última escena na historia do largo divorcio de Errejón e Iglesias— é xemelgo do que enturba as augas da confluencia galega. Diferenzas sensíbeis sobre o que somos e sobre o que queremos ser. Hai iso e hai tamén os efectos dunha frustración, os que decorren de que os tempos non son aínda chegados. Hai determinados artefactos políticos que só se conciben a si mesmos como vitoriosos. E que queren a vitoria para xa (un pouco como sectores do independentismo catalán, que parece que se non conseguen a independencia para un destes días a cousa ten menos graza ou até sería inviábel). Son dispositivos políticos impacientes, incapaces de entender que a historica nunca é lineal (xa dicía Lenin que ás veces é inevitábel dar dous pasos adiante e un atrás), patoloxicamente dependentes do curto prazo, como se todo se fose decidir aquí e agora, como se non houbese mañá.

A paciencia sempre foi unha virtude revolucionaria. A paciencia e non facer aquilo que o inimigo agarda que fagas. Non dividirse para que el impere (aínda que el, agora tacticamente, estea dividido).