Schez xa ten Podemos onde quería

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Talvez o líder do PSOE non consiga o obxectivo de ser investido como presidente, mais tacticamente xa ten a Podemos onde o quería ter: a súa esquerda. O PSOE está onde máis cómodo se sente, no centro, lixeiramente escorado cara a babor, entre a direita pretensamente moderna -Cs- e a esquerda emerxente -Podemos e as chamadas confluencias.

Por que Schez quería ter a Podemos aí? Porque desde aí, desde unha posición periférica ao centro político, non é posíbel gañar eleccións no Estado español -e practicamente en nengún Estado occidental, excepción feita de Grecia, onde nengunha categoría da política convencional vale (reparade en que Syriza acaba de apoiar a greve xeral convocada…contra Syriza!!!).

Podemos só pode ollar para un espazo: IU. O obxectivo agora é a liquidación do proxecto que, ao abeiro da campaña do NON á OTAN, fundou o PCE nos 80

Estamos, pois, perante un triunfo estratéxico de Sánchez e unha derrota do ideólogo de Podemos, Íñigo Errejón. O imberbe politólogo é o teórico da centralidade podemita, aquilo de que xa non hai esquerdas nen dereitas, un expediente para safar da camisa de forza que invariabelmente colocaba a calquera forza progresista emerxente na esquerda e, alén do máis, na esquerda ao PSOE. Sánchez gaña espazo cara ao centro, o cal vénlle ben para o acordo con Ciudadanos que cobiza o IBEX35. Que forma goberno, mel nas filloas. Que non, vai a unhas novas eleccións mellor pertrechado do que o 20D perante o seu rival morado. Si, porque Podemos xa se pode ir despedindo de pescar no caladoiro dos sufraxios tépedos nos que faenaba canda Cs. E porque, a maiores, Podemos vaise atopar con non poucos problemas nas nacións sen Estado (en Valencia, nomeadamente, após a rotura con Compromís), unha vez que se ten verificado empiricamente que ir con eles da man equivale para as chamadas confluencias a renunciar a ter grupo parlamentar soberano.

No curruncho da esquerda, Podemos só pode ollar para un espazo: IU. O obxectivo agora é a liquidación do proxecto que, ao abeiro da campaña do NON á OTAN, fundou o PCE nos 80. Xa que estamos á esquerda do PSOE hai que engolir definitivamente IU. A por ese millón de votos. Tal é a consigna na sala de máquinas podemita. Daí o veto a que IU poda facer grupo parlamentar. Se non o consegue a organización liderada por Alberto Garzón verá a súa viabilidade económica seriamente comprometida. E sen euros non hai proxecto político que poda ser competitivo. UPyD é un bon exemplo diso.

A vida é moi dura e a realidade acaba abríndose paso. A dialéctica novo-vello sobre a que Podemos construíu o seu suceso vense abaixo, reemprazada polo antiquísimo debate direita-esquerda. Por aí vai gañando Sánchez a partida, sendo que el non ten ningún problema de relacionamento con Rivera, o que deixa o púxil Iglesias isolado no lado esquerdo do cuadrilátero