Este domingo Quim Torra falaba en termos gabanciosos da vía eslovena cara á independencia, o que tampouco constitúe unha novidade na historia do nacionalismo catalán, sempre atento aos movimentos xeopolíticos e, loxicamente, aos avatares que levaron no seu día ao aparecimento de novos estados en Europa. Na súa época Jordi Pujol aludira tamén a Lituania e ao seu proceso de emancipación nacional, a anotar o dato empírico de que España estaba moi lonxe de ser a Unión Soviética, un estado que si recoñecía na súa carta magna o dereito de autodeterminación.

Ben, a referencia de Torra a Eslovenia —o país conseguiu a independencia após a chamada guerra dos 10 días— levantou unha onda de indignación un tanto impostada por parte do españolismo, nomeadamente do mediático. Torra está a defender a vía armada!, clamaron desde Madrid e as súas terminais periféricas. É realmente así? Obviamente non.

Calquera análise minimamente desapaixonada dos acontecimentos producidos en Eslovenia nas últimas dúas décadas do pasado século permite estabelecer as seguintes conclusións: a) a altura de finais dos anos 80, o independentismo era practicamente a única forza política relevante en Eslovenia. A súa penetración en todas as camadas sociais, absoluta. Destarte, no referendo realizado a 23 de decembro de 1990, a participación alcanzou 93,3 por cento e os votos favorábeis á criación dun estado esloveno independente acadaron o impresionante patamar de 94,8 por cento (88,5 por cento do censo); b) o referendo non foi recoñecido por Belgrado e todos os intentos por parte eslovena de acordar unha consulta coas autoridades da federación iugoslava fracasaron pola falta de vontade política destas; c) a causa independentista eslovena contaba coa simpatía da principal potencia europea, Alemaña; e d) o parlamento de Liubliana declarou a independencia seis meses despois de realizado o referendo e ante a resistencia das autoridades federais a falar civilizadamente do asunto en termos políticos. Nesa altura Belgrado optou por enviar tanques a Eslovenia, a provocar unha guerra exprés que se saldaría con por volta de 60 vítimas mortais.

A altura de finais dos anos 80, o independentismo era practicamente a única forza política relevante en Eslovenia. A súa penetración en todas as camadas sociais, absoluta

Estes son os feitos.

O proceso que deu lugar ao nacimento de Eslovenia como estado tivo, por tanto, dous trazos definitorios. O primeiro, a vontade inequívoca do pobo esloveno. O segundo, o fechamento absoluto de Belgrado a negociar unha saída política. Foron as autoridades da extinta Iugoslavia as que enviaron os tanques, como foron os militares golpistas españois os que os despregaron nas rúas de Valéncia en febreiro de 1981, e non os independentistas eslovenos.

Dito isto, calquera que coñeza Catalunya sabe que a máis mínima alusión, embora implícita ou larvada ou colateral, aos episodios de violencia das guerras dos Balcáns non se vai tornar precisamente na forza motriz que poda gañar máis apoio social para a causa soberanista. Torra debería ser máis sutil nas súas expresións públicas, para evitar así que o seu discurso sexa distorcido polos poderosos altofalantes do unionismo.

Foron as autoridades da extinta Iugoslavia as que enviaron os tanques, como foron os militares golpistas españois os que os despregaron nas rúas de Valéncia en febreiro de 1981, e non os independentistas eslovenos

 

En todo caso, Eslovenia si que pode ser un espello para o independentismo catalán nun asunto fulcral en calquera proceso de liberación: a conquista da hexemonía popular. O asunto está en como alcanzar percentaxes tan abrumadoras de apoio ao soberanismo. É certo que o 1 de outubro de 2017 máis de 2 millóns de cataláns desafiaron a represión española e votaron nun referendo para a historia, mais tamén é verdade que nas eleccións plebiscitarias de 27 de decembro dese mesmo ano as opcións independentistas, a pesar de gañar a maioría absoluta no Parlament, ficaron por debaixo de 50 por cento de voto.

Ese é o desafío para as e os soberanistas de Catalunya: incrementar moi significativamente o respaldo da sociedade para a súa causa, gañar espazos para o proxecto autodeterminista e facelo con intelixencia, perseveranza e dominio dos tempos (a historia non remata nen nesta lexislatura nen na próxima). Sen iso non hai vía cara á independencia que valla, nen catalá, nen escocesa nen eslovena.  


 



x