Os resultados das presidenciais deste 20M en Venezuela parécense moito máis ao desenlace desexado pola oposición direitista e pro-norteamericana -participación por debaixo de 50 por cento do eleitorado- do que ao ambicionado polo Gran Polo Patriótico de Nicolás Maduro. Ergo, non houbo nen rastro de fraude. Como tampouco en 2013, cando Maduro se impuxo a Capriles pola mínima. Como tampouco en 2015, cando a oposición derrotou por goleada o chavismo.

Se o opositor Henri Falcón -que di non recoñecer os resultados e pide novas eleccións- só obtivo 1,8 millóns de votos non foi porque houbese irregularidades significativas -incidencias menores hainas en todos os procesos eleitorais, en Venezuela e en calquera estado do planeta-, senón porque a parte do león do eleitorado direitista aderiu a palabra de orde de Henrique Capriles e Leopoldo López e optou pola abstención política.

Non hai fraude e si unha democracia que funciona. Unha democracia por suposto imperfecta, mais como todas as ensaiadas en ambos hemisferios desde que as sociedades se organizaron en sistemas pluri-partidistas.

Se Falcón obtivo 1,8 millóns de votos non foi porque houbese irregularidades significativas, senón porque a parte do león do eleitorado direitista aderiu a palabra de orde de Henrique Capriles e Leopoldo López e optou pola abstención política.

 

Se non hai fraude, por que a ONU decidiu non enviar observadores internacionais a Venezuela? Porque é unha entidade politicamente controlada por Washington e porque sabía perfeitamente que non ía haber fraude. Se non hai fraude, por que a UE e os EUA anticiparon que non ían recoñecer os resultados? Porque a UE e os EUA só recoñecen os resultados cando gañan as súas forzas políticas satélites (como en 2015).

Dito isto, a situación política en que fica o chavismo é extremamente delicada. O Gran Polo Patriótico apenas retivo 77 por cento do voto obtido en 2013 (Maduro daquela conseguiu 7,5 millóns de sufraxios, este 20M só 5,8). É unha merma de apoio significativa, nomeadamente tendo en conta que durante a campaña o candidato chavista situou como albo os 10 millóns de votos, unha fronteira tan quimérica que nen sequer se abeirou a ela o propio Hugo Chávez. Certo é que hai non poucos factores que explican este retroceso. O primeiro e máis importante, sen dúbida, a situación económica do país, coas clases populares a seren golpeadas nas súas condicións de vida por unha hiper-inflación desatada e pola carencia de bens de consumo básico nos mercados locais. A facción politicamente menos consciente do eleitorado chavista decidiu ficar na casa. O segundo factor, tamén relevante, a falta de tensión na campaña, sabotada polos sectores máis estremistas da oposición. Cando non hai dúbidas sobre o resultado final (Falcón non era rival para Maduro), a parte menos entusiasta da túa freguesía ten poucos incentivos para se deixar ver polos colexios eleitorais. Aliás, nas bancadas do anti-chavismo impuxéronse os duros, os que demonizaron a participación na contenda eleitoral. O resultado de Falcón -1,8 millóns de votos, face os 7,4 de Capriles en 2013- é abondo para ilustrar até que ponto na direita venezuelana manda a ala máis extremista e entregada aos EUA.

Coas pezas así dispostas no taboleiro, a mensaxe das urnas para Maduro é clarísima: o suicida sería o continuismo. Non vale continuar como até agora. Maduro ten necesariamente que dar pasos que resulten no aprofundamento da Revolución. Até agora o movimento bolivariano disputou o poder político á oligarquía -á que derrotou reiteradamente nas urnas, coa excepción de 2015 e o referendo sobre a reforma constitucional perdido por Chavez en 2007.  Do que se trataría agora é de disputarlle tamén o poder económico. Sen ese poder a Revolución dificilmente terá futuro, ou pedaleas ou caes da bicicleta. Maduro xa anunciou medidas sobre o sistema financeiro, para pór freo ás políticas especulativas contra a moeda nacional, o bolívar. Hai unha guerra económica contra o país declarada polas elites e os paganos son os sectores subalternos da sociedade venezuelana. O cálculo da oligarquía é que pouco a pouco estes lle irán retirando o seu apoio á Revolución (este 20M xa se viu certo resultado desa estratexia). A reconquista do poder político sería así cuestión de tempo.

Coas pezas así dispostas no taboleiro, a mensaxe das urnas para Maduro é clarísima: o suicida sería o continuismo. Non vale continuar como até agora. Maduro ten necesariamente que dar pasos que resulten no aprofundamento da Revolución.

 

Maduro ten agora seis anos por diante. Coñecidos os resultados, fixo un apelo ao diálogo coa oposición. Ben, un aceno máis retórico do que outra cousa: o líder chavista sabe perfeitamente que Capriles, López e demais peóns de Washington non están dispostos a facer prisioneiros. É unha batalla a todo ou nada. A Revolución ou dá pasos cara adiante -na dirección de tomar un maior control social da inmensa riqueza do país, para os sectores populares deixaren de sofrer- ou non prevalecerá.