En política gañas cando ti marcas o programa aos actores que disputan contigo o control do taboleiro. Iso é o que incribelmente está a conseguir no estado español unha forza política extraparlamentar, Vox.  Non é algo inteiramente novidoso. En Brasil Jair Bolsonaro non pasaba de ser un friki que, como non tiña marca propia, acabou por comprar un partido político. Porén, desde as marxes do espectro foi quen de impor o roteiro aos donos tradicionais da direita. Agora é presidente. Nun estado central da UE, noutras coordenadas xeopolíticas e ideolóxicas, un home que até hai dous telexornais carecía de partido, Emmanuel Macron, dispón agora do poder executivo e do lexislativo.

Vexamos. Esta cuarta feira, Pepa Bueno (SER) entrevista Albert Rivera e o líder de Ciudadanos evita dicer o obvio: que Vox é unha forza de extrema direita. Ese mesmo día, o seu partido e o PP declinan condenar o franquismo no Senado. Para safar, o PP ensaiou un curioso subterfuxio: eu condeno o franquismo se ti condenas o comunismo. Curioso porque na mesma salada o partido liderado por Casado incluía un cántico á Constitución de 1978, unha obra humana desde logo moi discutíbel, mais que non se entende sen a achega do PCE de Santiago Carrillo [si, con esta manobra Casado sitúase moi á direita de Adolfo Suárez, o home que saltou desde a secretaría xeral do Movimento á ponte de mando da post-franquista UCD].

E, ben, por que actúan así Ciudadanos e PP? Porque queren os votos, hipotéticos e potenciais, de Vox. E para ficar con eles, están dispostos a pór rumo aínda máis á direita. Ou sexa que Vox vai gañando.



x