Iso é así. A grande maioría do país tenlle lei ao galego. Quérelle ben. Se reparades, poucas causas hai no país -se algunha- que mobilicen tanto -que sexan tan transversais, por usar ese palabro- como a causa colectiva pola dignificación do idioma que nos dá nome.

 

Esta quinta feira Compostela voltou a acoller unha multitude comprometida con outro futuro distinto para a lingua. Un futuro en que non perdamos falantes, en que recobremos espazos perdidos, en que non teñamos estatus de lingua estranxeira B (a lingua estranxeira A, o inglés, esa non necesita quen a defenda).

 

Quen si lle falla ao galego é a forza política que detenta o maior poder institucional no noso país (e non digamos a forza que faccións do establishment preparan como alternativa). Certo é que o detenta porque é a forza maioritaria. Cabería aquí inferir unha contradición: se a xente non lle falla ao galego, entón por que goberna o país unha forza política que lexisla na súa contra? Un artigo é pouca cousa para resolver esa aparente contradición. Si podo avanzar algunha hipótese: a lingua importa tamén a largos sectores do eleitorado que apoian o PP, mais non tanto como para condicionar a ese asunto o sentido do seu voto. Pesan máis na decantación do seu sufraxio outros aspectos da súa ideoloxía, da súa concepción do mundo. En todo caso, a retórica do PP (outra cousa é a praxe) non é abertamente contraria ao galego. O PP ora fai as beiras a Galicia Bilingüe ora invoca o galeguismo: todo o que entra na rede é peixe. O PP tampouco anuncia que vai introducir políticas privatizadoras na sanidade (sabe que tal programa é impopular), simplesmente as introduce.

 

Quen si lle falla ao galego é a forza política que detenta o maior poder institucional no noso país (e non digamos a forza que faccións do establishment preparan como alternativa).

 

Chega con esta mostra puntual de amor ao galego? Claramente non. O combate é desigual -as forzas contrarias á normalización dispoñen de instrumentos moi poderosos, a administración, os meios de comunicación públicos...- e obriga a manter a tensión en todo momento, ese día a día ao que con acerto apelou este ano Queremos Galego. Si, é extenuante, mais non queda outra que continuar. E continuar significa non ficar estantíos, significa ir a máis, nas redes e na sociedade, significa fortalecer por abaixo os lazos -os colectivos- que unen a multitude que quer galego e que o quer con outro estatus. Como unha lingua que, como aquelas que compiten con ela no seu propio país, o teña todo. Tamén un xornal diario? (somos o único idioma peninsular que carece del). Si, tamén un diario en galego.

 

 



x