“España es diferente” ou, na súa versión inglesa, “Spain is different” foi un dos lemas máis usados polo franquismo mercé ao cuestionábel labor dun coñecido ministro galego que rematou os seus días tal que profeta na súa terra –porque non o puido ser na que cría súa, España— , Manuel Fraga Iribarne.

“España es diferente” ou, na súa versión inglesa, “Spain is different” foi un dos lemas máis usados polo franquismo mercé ao cuestionábel labor dun coñecido ministro galego que rematou os seus días tal que profeta na súa terra –porque non o puido ser na que cría súa, España— , Manuel Fraga Iribarne. Daquela, non sei de que se estrañan aqueles e aquelas que se abraian fronte a un célebre contrato para mestras españolas de meniños e meniñas que se asinaba alá por 1923 e no que, entre outras obrigas, se lles esixía a solteiría. Pois nel, as autoridades primorriverianas españolas prescribían que non debían “andar en compañía de hombres”, tiñan de “estar en su casa entre las ocho de la tarde y las seis de la mañana, a menos que sea para atender una función escolar”, non podían “pasearse por las heladerías del centro de la ciudad” nin “abandonar la ciudad bajo ningún concepto sin el permiso del presidente del Consejo de Delegados”; tampouco podían “fumar cigarrillos” ou “beber cerveza, vino, ni whisky”; non podían “viajar en ningún coche o automóvil con ningún hombre excepto su hermano o su padre” nin “vestir ropas de colores brillantes” ou “teñirse el pelo”, “usar polvos faciales”, “maquillarse” ou “pintarse los labios”; tiñan de “usar al menos dos enaguas”, non podían “usar vestidos que queden a más de cinco centímetros por encima de los tobillos” e, por descontado, estaban na obriga de fregar, varrer e limpar a aula.

"Expón que as letradas deben usar “traje de chaqueta gris, negro o azul marino con camisa blanca de piqué, jersey de cuello alto, blusas de colores diferentes, abrigo negro o azul marino, zapato plano para llevar con pantalón, zapato de poco tacón para llevar con falda o botín con tacón bajo”

Pois ben, en 2014 e tamén en España, concretamente en Sevilla, nun acto celebrado polo Colegio de Avogados – e avogadas, digo eu— repartiuse entre os e as asistentes un Vademécum para Abogados [sic] Noveles da autoría de José Ángel García Fernández, Decano Emérito do Colegio de Abogados [sic] daquela cidade española. Nada estraño habería neste acto nin neste vademécum se nel non se expuxesen certos estremos que, ben é certo que acordes co sentimento que actualmente rexe nas autoridades do Estado Español, seguen a atentar contra a liberdade individual, nomeadamente contra a das señoras avogadas daquela xurisdición. Nel, portanto, amais de recomendar un vestiario masculino composto por “trajes gris oscuro o azul marino, camisa blanca o de tonos suaves, corbatas discretas, calcetines oscuros y zapatos de piel o similar” e de incidir en que os avogados se absteñan de lucir “camisetas con publicidad, vaqueros, pins, tatuajes, camisas oscuras o calzado deportivo”; expón que as letradas deben usar “traje de chaqueta gris, negro o azul marino con camisa blanca de piqué, jersey de cuello alto, blusas de colores diferentes, abrigo negro o azul marino, zapato plano para llevar con pantalón, zapato de poco tacón para llevar con falda o botín con tacón bajo”, e, claro, abstérense “del uso de pendientes grandes, vaqueros, uñas con colores estridentes, bolsos de lona, camisetas, zapatos de suela gruesa o plataformas y pins o tatuajes”, así como “han de desterrar las botas con falda”, “escotes profundos, faltas demasiado cortas” e non poden “abusar del perfume”. Finalmente, e arestora avogando –e nunca mellor dito— pola hixiene, as avogadas deben levar unha manicura discreta e, agora todos e todas, deben contar con desodorizante no gabinete, amosar uns dentes que reluzan e un cabelo brillante e sempre sen caspa.

"Menos mal que non obrigan a usar “mantillas españolas” nas señoras e uniformes de ordes militares nos cabaleiros, mais opino que axiña o farán".

Enfin, está claro que cada un e cada unha debería poder usar en calquera acontecemento da súa vida a roupa que crese máis axeitada, mais semella que non, que xa andado o primeiro tramo do século XXI, en Barcelona non se pode ir con roupa de praia polo centro da cidade, non se pode ensinar o torso e, agora o colectivo de avogados e avogadas de Sevilla, deben ir vestidos segundo unhas pautas determinadas, en todo caso restritivas, e non poden facérense ou lucir tatuaxes, brincos grandes ou piercings. Menos mal que non obrigan a usar “mantillas españolas” nas señoras e uniformes de ordes militares nos cabaleiros, mais opino que axiña o farán, co que de rehabilitador das probas de nobreza de sangue conleva isto último.

"Queren trasladarse a todo tipo de actividade, visíbel ou invisíbel –que diría o credo dos e das católicas— , tratando de restrinxir o irrestrinxíbel, e portanto querendo regulamentar unha actividade fundamentada e substentada no anonimato, na incultura e no soez"

Mais o interese dos e das españolas por regulamentar todo tipo de feitos da vida, pública e privada, dos e das que transitan polo chan do que eles e elas mesmas chaman “Reino de España”, non só abranxe a actividade que se ve, senón que, semella que polos comentarios anónimos que se verteron na rede tras o asasinato da presidenta da Deputación de León a mans da nai dunha colega súa de partido; queren trasladarse a todo tipo de actividade, visíbel ou invisíbel –que diría o credo dos e das católicas— , tratando de restrinxir o irrestrinxíbel, e portanto querendo regulamentar unha actividade fundamentada e substentada no anonimato, na incultura e no soez. Falo do Twister famoso e dos igual de famosos comentarios nos foros interneteiros, onde calquera, sob calquera nome ou pseudónimo –nick, que se di segundo a anglófila linguaxe das TICs— pode difundir (que non publicar, que conste) todo tipo de opinións, mesmo aldraxes e barbarismos, que son o fundamento verdadeiro que motiva, polo xeral, o redixir un tweet ou un comentario daqueles. Daquela, arestora estamos a falar dun tránsito por un espazo lingüisticamente aparentado co español, co castelán –en raras ocasións se redixen naquel idioma de que tanto presume todo ou toda practicante da lingua cervantina— , nunca dun transitar por un espazo xeopoliticamente pertencente a ese estupendo e bonito Reino de España que tan ben e con tanto acerto disque dirixe agora D. Felipe Juan Pablo Alfonso de Todos los Santos Borbón, unha persoa culta onde as haxa, educado e bonito, moi bonito. Un reino no que, mercé ás autoridades que tan ben, igual de ben que seica fará o monarca mencionado, rexen os seus destinos, se investen milleiros e milleiros de euros en educación para lograren que os e as beneficiarias do sistema escolar aproveiten con enerxía a entrega e a excelsa formación de seus e súas docentes, quen polo xeral, salvo curiosísimas excepcións, posúen uns amplos coñecementos sobre as cadeiras que imparten e, claro, chegaron aos seus postos debido ao estendido costume español de igualdade, capacidade e mérito. Con eses coñecementos e esa entrega conséguese que os novos e as novas educandas do reino se ocupen de demostraren as súas habilidades intelectuais, que lean, que reflexionen, que investiguen e que publiquen os froitos das súas análises en medios tan relevantes como twitter ou os foros da Internet.