A Xunta de Galicia deu a coñecer un Decreto co que pretende regular a acción exterior da Comunidade Autónoma.

A Xunta de Galicia deu a coñecer un Decreto co que pretende regular a acción exterior da Comunidade Autónoma (http://cpapx.xunta.es/normativa-en-tramitacion). Sorprende, de primeiras, que se acuda a un decreto para abordar a regulación desta importante -e controvertida- política pública. Lémbrese que unha dimensión “menor” da acción exterior, a cooperación internacional ao desenvolvemento, foi regulada por lei (en 2003) e resulta dificilmente explicable que para a acción exterior no seu conxunto acúdase a un decreto. 

"Non se trata tan só de furtar o debate parlamentario nun asunto que ben o merecería, senón, sobre todo, de poñer de manifesto a abordaxe preferentemente administrativa desta problemática".

A forma elixida non é secundaria e pon de manifesto unha clara intencionalidade política. Non se trata tan só de furtar o debate parlamentario nun asunto que ben o merecería, senón, sobre todo, de poñer de manifesto a abordaxe preferentemente administrativa desta problemática. É dicir, requírese un decreto para desenvolver e adaptar no marco autonómico a lei estatal de 2014 que regula o servizo exterior. De feito, chama poderosamente a atención que na exposición de motivos non se recolla nin unha soa mención ao Estatuto de autonomía, incidindo máis na definición dos límites que na procedencia desta política no contexto constitucional e internacional actual. Como tampouco incorpora unha mínima reflexión histórica sobre a tradición europeísta e universalista de Galicia, a pesares de que boa parte do texto incide na participación na UE. 

O Decreto renuncia a establecer un consenso político elemental para garantir a continuidade e a estabilidade da acción exterior, cuestión clave para o seu éxito tanto inmediato como de longo prazo. É unha norma que reflicte o espírito descapitalizador da autonomía do actual goberno e reflexo da súa incapacidade para arbitrar acordos de país en cuestións transcendentais. O Parlamento é marxinado ata na tramitación efectiva da Estratexia de acción exterior, non reservándolle papel ningún no seu seguimento. Non obstante, impón a obriga a todos os suxeitos públicos (incluídos poderes locais, universidades…) de seguir as súas prescricións, actuando sobre eles como un corsé.

"Non se contempla en modo algún a nosa comunidade como un actor internacional, como unha autonomía no mundo, e renuncia a considerar principios guía básicos da caracterización da acción internacional en calquera contexto". 

En vez de inferir a lealdade institucional, a coordinación e as sinerxías co Estado, nos principios inspiradores da norma exprésase un acatamento redundante do marco constitucional e competencial vixente, cousa obvia e unicamente explicable pola necesidade de demostrar ante Génova (sede nacional do PP) e o Palacio de Santa Cruz (sede do ministerio de asuntos exteriores e cooperación) que en Galicia, a diferenza de Cataluña, fanse as cousas de maneira “correcta”. Non se contempla en modo algún a nosa comunidade como un actor internacional, como unha autonomía no mundo, e renuncia a considerar principios guía básicos da caracterización da acción internacional en calquera contexto. 

No articulado acentúase a dimensión administrativa da regulación e a absoluta falta de ambición, dando forma ao existente e coidando ata o extremo da elección de conceptos e expresións inocuas que incidan no acatamento e no respecto, transmitindo un claro perfil limitativo. Se un compara este decreto coa lei catalana decátase da enorme distancia que separa a unha norma da outra e da concepción de mínimos que defende o actual goberno galego. Non obstante, hai marxe entre os extremos. 

Aproveita a Xunta de Galicia para modificar o Consello de Acción Exterior, un instrumento descafeinado e que demostrou unha severa inutilidade na súa curta existencia (2009). O problema de raíz estriba na súa composición, que mestura a abafante presenza administrativa tendente á coordinación, coa presenza externa que responde a claves de asesoría, consulta e participación. A diferenciación do ámbito interdepartamental do asesoramento semella imperativo para ser eficaz nas dúas dimensións. Como tamén, á hora de definir estratexias, o importante é que se cumpran, cousa que non se ten feito, completando un ritual sen alcance práctico. 

"Sorprende, por último, a ausencia de referencias á sociedade civil con dimensión internacional e ao papel da diplomacia pública"

Sorprende, por último, a ausencia de referencias á sociedade civil con dimensión internacional e ao papel da diplomacia pública, indispensables para maximizar a influencia de Galicia no mundo. 

En suma, é de agradecer o intento de normativizar unha política pública como a acción exterior e incluír nela aspectos que forman parte da nosa traxectoria recente e dos nosos horizontes socioculturais, económicos e políticos como a presenza en Europa, as relacións con Portugal e ata coa lusofonía, pormenorizando nas modalidades dos acordos co exterior se ben con lagoas significativas respecto á instrumentación das fórmulas de diplomacia cultural, social e ata económica. Mágoa, en fin, que se queira facer así. 

Xulio Ríos é director do IGADI, www.igadi.org