Este ano 2016 é o ano do centenario do nacemento en Celanova (1916) do loitador armado de  palabras, armas e obras, Xosé Velo Mosquera.

Este ano 2016 é o ano do centenario do nacemento en Celanova (1916) do loitador armado de palabras, armas e obras, Xosé Velo Mosquera.

Unha Comisión Pro Centenario, da man de Aser Álvarez e Paco Macías, tenta sacar á luz e do esquecemento as súas palabras, armas e obras.

Coñecín a Xosé Velo en Caracas, non persoalmente, senón por medio dos moitos galegos que o trataron, o seguiron e o admiraron. Foi precisamente Velo e a súa teima en que os galegos coñecesen o que eran o que me levou a afondar na historia do exilio galego en Venezuela.

Foi precisamente Velo e a súa teima en que os galegos coñecesen o que eran o que me levou a afondar na historia do exilio galego en Venezuela

Incansábel no seu exercicio pedagóxico entre milleiros de galegos descoñecedores da súa historia e da súa cultura, labor humilde inxustamente esquecida. Motor e propulsor da unión de todos os centros galegos de Caracas, deu un paso de xigante cando amosou ao mundo que non todo estaba perdido, que as letras, charlas, programas radiofónicos están ben e son necesarios, pero que hai momentos na vida en que hai que pasar á acción. Ante a rendición de moitos que soñaban coa morte do ditador na cama e unha pobre transición que reducía as nacións sen Estado da península a entidades administrativas descentralizadas con bandeiras e parlamentos de cartón pedra.

A achega de Velo, nestes tempos tan necesitados de mestres e guieiros, é a prohibición da rendición e a posibilidade da redención. A humanidade deu centos de exemplos na historia e Galiza tamén. A acción armada (1961) do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) secuestrando o paquebote portugués Santa Maria non foi unha acción «quixotesca», senón valente e arriscada, e puxo en evidencia o franquismo como unha ditadura e o antifranquismo republicano español como un exilio derrotado e conformista. Aparecen Xosé Velo e o comandante Soutomaior, ambos os dous galegos de nación, como os últimos dos homes xustos para dicirlle ao mundo que no noso país non todos foron nin castrados nin domados.