O principal xornal opositor venezuelano, El Nacional, leva anos mentindo sobre a situación venezuelana. Co gallo da fantasmagórica asunción da presidencia venezuelana por parte de Juan Guaidó, o xornal traducía un «Non apoien o golpe de Estado» (de Guaidó contra Maduro) cun «Non apoien a ditadura de Maduro» na noticia Mujer interrumpió sesión OEA sobre Venezuela, acontecida no Consello Permanente da OEA do pasado xoves 24 de xaneiro, despois do discurso do secretario de Estado estadounidense Mike Pompeo

Non todo son mentiras. É verdade que a situación económica venezuelana é catastrófica debido ao afogamento por todas as frontes do seu principal opositor, Estados Unidos, que tenta derrubar o seu principal antónimo ideolóxico na súa fronteira sul e que, ademais, ten medios económicos

Non é a primeira vez que Estados Unidos tenta unha aventura golpista "lexitimada" xurídica e constitucionalmente para tirar o chavismo do poder. A máis famosa, o golpe de Estado contra Chávez en 2002 e a argucia xurídica esgrimida pola oposición e ratificada en primeira sentenza polo Tribunal Supremo de Xustiza de Venezuela, segundo a cal o ditador Pedro Carmona Estanga non era nin golpista nin ditador debido a unha desas medias verdades que inventaron, o chamado "baleiro de poder", que foi o que xustificou a toma do poder por parte do ex presidente da patronal venezuelana.

O ultimátum chiripitifláutico da Unión Europea ao presidente Maduro para que convoque eleccións porque o deciden eles, o recoñecemento de Estados Unidos dun presidente autoelixido e as masas de caraqueños que saen á rúa pero non representan a totalidade do país son un esperpento repetido até a saciedade dende 1999.

O presidente Maduro non é recoñecido presidente por unha parte de Venezuela porque as eleccións que gañou [as presidenciais de maio de 2018] non foron convocadas pola Asemblea lexislativa, senón pola constituínte.

Se cadra, coa convocatoria de eleccións en Venezuela dende Moncloa, Estrasburgo ou dende o Pazo do Elíseo teña máis lexitimidade internacional o próximo presidente venezuelano.