É moi habitual atopar nos cancioneiros un capítulo dedicado ás músicas de traballo: Cantos de seitura, vendima, espadeladas, esfolladas, fiadas…

Así como os labores agrícolas, en xeral, están ben representados, case non existen referencias aos labores do mar. Nomeadamente se estes traballos —dupla invisibilidade— foron desenvolvidos por mulleres. 

Métete soliño mete,
que este día vale un ano.
Alegría para min,
tristeza para o meu amo. 

Tal me cantou A Torera, redeira de Vilaxoán. Botaban a peza nos días de verán, para animar o Sol a que se deitase e puidesen rematar por fin a longuísima xornada de traballo. 

A escritora Ledicia Costas faloume dunha foto do Arquivo Pacheco de Vigo. É dunha fábrica de conservas, comezos do século XX. Nela aparecen máis de cen mulleres, pero a ningunha se lle ve a cara. Todas traballan de costas. A única persoa recoñecible é o encargado que mira directamente ao obxectivo. 

Por todas as ribeiras de Galiza traballaron (e traballan) miles de operarias nas fábricas de conserva. Cales eran as súas músicas? 

Non cantabamos nada, díxome A Anaca, antiga traballadora na Tenaisié do Grove. Uns días despois envioume unha gravación que incluía esta estrofa:

Cando queres ir pra casa 
co corpo coma fariña,
alá vén señor Ribeiro,
aínda hai que aceitar sardiña.

Volvín vivir a mesma experiencia nun encontro coa Coral de Bueu. Maruxa, que traballara na súa mocidade na fábrica de Massó, lembrou unha cantarea co mesmo argumento: Queixarse da dureza do traballo e, sobre todo, da dureza do trato que lles daba o encargado.  

É o mesmo tema que aparece tamén na Fábrica Massó, esta vez de Cangas. A cántiga de Carmiña Fernández Mariño, recollida no CD Cangas, cantares do mar e cantares do lar

Esta quinta feira (20 horas) acompañarei a Cooperativa Cantarelas nun “Café da Memoria”, no Museo do Pobo Galego. Con toda modestia, e con moita emoción, tentaremos rachar de vez tanto silencio. As voces de Cantarelas volverán a lle dar vida ás melodías que armaron estas traballadoras nas fábricas de conservas. Primeiro paso para a recuperación dun universo esquecido que agora, por fin, comeza a agromar: as músicas de traballo das mulleres do Mar. 


 



x