O Banco de España cargou esta cuarta feira contra a subida do salario mínimo pactada polo Goberno Sánchez con Unidos Podemos e as súas confluencias, entre elas En Marea. Ficaría situado en 900 euros en 2019. A autoridade bancaria alertaba sobre os efectos que o incremento podería ter na destrución de emprego. Sobre o incremento das rendas dos ricos non dixo nin chío. Por exemplo, o medre dos dividendos de Amancio Ortega.
Entre o 26 de outubro e o 3 de novembro, as traballadoras das tres tendas Bershka de Vigo, da tenda de Pontevedra e da tenda de Vilagarcía botáronlle un duplo pulso a unha das marcas do maior grupo téxtil do mundo. En realidade foi unha dupla pugna: contra a empresa e contra o silenciamento intencionado da maioría dos medios de comunicación, que obviaron o paro e optaron por publicar os resultados da revista Forbes ou os 628 millóns de euros que o fundador de Inditex cobrou pola revalorización das súas accións. Mais como rebaixa o xigante téxtil a súa factura fiscal? Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 271.
Amancio Ortega e a súa filla Sandra Ortega configúranse como as dúas primeiras fortunas do Estado español, segundo a lista Forbes.