"Non temos medo á represión porque o que dicimos é totalmente obxectivo... estamos no noso dereito a dicilo"
Jamas, Sokram e Mou son, con El Padre Murdock aos pratos, os Dios Ke Te Crew en 2019. Acaban de publicar o seu terceiro disco, O ciclo da serpe (Rapapoula), manifesto apocalíptico, aviso de incendio, en que diversas variacións da electrónica se apropian das músicas e textos e voces advirten da sen razón do modo de vida no capitalismo. “O futuro da humanidade pasa por reducir o noso impacto no planeta”, consideran, con humildade pero con firmeza, Mou e Sokram, que nesta entrevista con Sermos Galiza explican o seu primeiro regreso discográfico oito anos despois de Humanose. Na formación xa non está García MC. Eis un extracto da conversa, publicada no número 346 do semanario en papel.