Industrial Mercedes Peón

A radicalización sonora de Mercedes Peón continúa. A canción que abre o seu quinto disco, co que comparte título -Déixaas-, é a última mostra dese vieiro. Unha base rítmica construída con pandeiretas desbocadas e percusión metálica, literalmente metálica, aparece atravesada de espasmos de guitarra eléctrica. No corazón da treboada, dúas cuartetas populares.

Entre punk airado, rock industrial e tradición, Mercedes Peón marca en Déixaas un territorio extremo e inaudito. A súa voz remite á tentación do adxectivo ancestral, pero excédeo. Ao seu carón, Mónica de Nut -unha das súas discípulas estéticas máis avanzadas- e Ana García expresan solidariedade: explorar é unha obriga.

O vídeo de 'Déixaas' foi realizado no estaleiro ferrolán de Navantia. O seu autor é Alberto Castaño.



x